Diluindo a corrupción

Vaia por Deus. Correa ía canda o tesoureiro do PP representando a algunha grande empresa que pretendía algunha importante licitación de infraestruturas nos distintos ministerios. Ía Barcenas ao ministerio de quenda e aquelaba o que tiña que aquelar para que a adxudicación correspondente fose para a empresa amiga presentada por Correa. Acadado o éxito, Correa cobraba e llelo daba a Luis Bárcenas. Así até 2004. Claro, resulta que o Goberno Zapatero chegou á Moncloa a mediados de abril dese ano. Ao mellor o fío rompeuse por ese pequeno detalle.
E foilles así. Non pasou máis nada. Correa e Bárcenas. Bárcenas e Correa. E máis ninguén. Correa ten dereito constitucional a mentir e, sobre todo, a agachar a verdade que lle prexudique. Mais calquera persoa cun mínimo de formación xurídica ou experiencia institucional sabe que para que esa maquinaria funcione cómpre moita peza do Noso Señor. Nomeadamente altos cargos políticos que decidan e planifiquen, mais tamén funcionarios que tramiten e emitan informes e propostas de adxudicación. Velaí que o relato de Correa poña baixo sospeita xeral a a xestión toda na contratación pública dos Gobernos do aznarato (1996-2004), todos partillados por Rajoy como ministro. Non por acaso o caso Gurtel é o caso PP, coma o caso ERE é o caso PSOE-A.
Enténdese agora a implacábel estratexia obstrucionista seguida polo PP contra esta investigación. Apunten: o PP recusou a todos os xuices instrutores: Garzón, Ruz e De la Mata. Tamén criticou ácedamente por parcialidade ao maxistrado De la Prada que está axuizando este caso e máis á xuiza Freire, instrutora da causa por encubrimento e danos informáticos (lembrarán que alguén na sede xenovesa borrou os arqwuivos dos ordenadores que usaba Bárcenas). Mesmo veñen de pedir a nulidade da investigación deste xuizo.Coincide no tempo esta estratexia de dilución da corrupción do PP, de lle tirar a importancia a unha podremia que acada ao PP como organización, cos esforzos de Susana Díaz, líder do PSOE de Andalucia, para diluir a corrupción do caso ERE, coa finalidade de salvar aos xenerais Chaves e Griñán. Semella que diluir a corrupción é parte esencial do pacto de investidura implícito que PP e PSOE van acordar moi axiña.

Diluindo a corrupción

Te puede interesar