A corentena das letras

etidos nesta corentena de confinamento sanitario pola pandemia do Covid-19, espazo de tempo de illamento de persoas que alteran total e absolutamente as rutinas da vida social e cultural, a primavera das letras é vítima sobranceira dun andazo que afecta moi negativamente a todo o sector de profesionais e das industrias culturais vítimas dun invisíbel Expediente de Regulación de Emprego non contemplado como tal nas decisións de política laboral acordadas polos gobernos de quenda, aquí no ámbito galego con competencias para adoptar medidas de protección e axuda que eviten a situación de rotura do sector coa práctica desaparición da programación cultural nas semanas do estado de alarma, e máis preocupante aínda coa irremediábel alteración dos eventos previstos para os meses posteriores nos que a recuperación da vida cotiá será lenta e gradual.
Por iso, o berro de auxilio do sector cultural ateiga as redes de relación no ámbito da comunicación virtual pedindo que “non nos canceles” cunha mensaxe de socorro que parte dunha espontaneidade extensamente compartida por multitude de persoas conscientes do temor a un futuro incerto que padecen as xentes que traballan neste gremio fundamental do noso patrimonio de cultura viva, de identidade colectiva e de cohesión social que peta  na porta das autoridades do país, avalados pola súa relevancia e pola igualdade de trato que se lles  ten dispensada noutros ámbitos estatais do continente, na procura de forzar políticas que abran pontes de diálogo para concretar xeitos, calendarios, utilización de instrumentos de comunicación audiovisual públicos e fornecemento económico, cos axustes necesarios en medidas que xa foron acordadas para outros modelos de negocio, incluído se for imprescindíbel a rebaixa do IVE para os espectáculos e outros produtos culturais e, tamén, redefinir a programación do Xacobeo a celebrar o próximo 2021.
Para o antedito, aínda hai tempo de manobra. É xa irremediábel para a celebración do Día do Libro Infantil, internacionalmente lembrado cada 2 de abril, que deixou á marxe da súa imposibilidade de ocupar unha aulas que fican pechadas, e así semella estarán nas próximas semanas, coa perda de oportunidade para unha lectura sosegada da “fame de palabras”, título que lle deron os eslovenos aos que correspondeu a selección da organización anual. Por un camiño ben idéntico percorrerá a conmemoración do Día Mundial do Libro e dos Dereitos de Autor, celebrado nos últimos cinco quinquenios cada 23 de abril aínda que no caso español xa ten traxectoria centenaria na memoria do falecemento de Cervantes e doutros clásicos universais.
Porén, un andazo da maldición institucional a respecto da figura de Ricardo Carvalho Calero ameaza a xusta promoción da súa obra literaria, e tamén humana e política, sumando voces cada vez máis numerosas que piden da Academia Galega un acordo coa súa extensión ao próximo ano para que o tributo de recoñecemento do que é merecedor acade a dimensión que lle corresponde. 

A corentena das letras

Te puede interesar