A encantadora de palabras

o universo das letras galegas festexamos o aninovo de María Victoria Moreno, unha creadora de mundos literarios que é, no ámbito dos valores e actitudes persoais, un paradigma sobranceiro da súa integración total no cosmos da cultura galega, para alén de ter nacido e medrado fóra do país. Mesmo se aceptamos a súa propia definición do feito, ao defender esta escolla fronte a certas consideracións do fenómeno, afirmando que “eu non son alófona porque o que practico, se é que escribo, podería definirse coma unha amorosa autofonía”, declarando que “a miña relación con Galicia e a miña opción pola súa lingua é simplemente unha historia de amor”. Si, amor abnegado.
Lembremos que o concepto alófono, na súa acepción como adxectivo, aplícase ao escritor ou escritora que escribe nunha lingua diferente á propia. Aínda máis, no Quebec un alófono é unha persoa que non ten como lingua materna nin o francés nin o inglés, as dúas linguas cooficiais nese territorio do Canadá. Porén, María Victoria é galegofalante por vocación e militancia na causa da identidade colectiva dun pobo no que se integra sen reserva; e para o que contribúe socialmente coa súa actividade docente e cunha produción de obra escrita qué é absolutamente galega non só no idioma utilizado se non que tamén na súa estrutura, forma e idiosincrasia. Así, ela é modelo de conduta que ben podería ter servido de espello no que ollar por algún dos “renegados do idioma” propio. Sen ir máis lonxe, por ese señor que ocupa a Presidencia do Goberno estatal, galego por nacemento, que non ten pudor en facer uso nas redes sociais do nome deturpado da localidade na costa galega das Rías Baixas que o acolle nos tempos de lecer.
Por iso, é moi necesario afondar na obra desta antiga profesora de ensino medio en Vilalonga, tempo no que “grazas ao bolígrafo que me agasallaron os meus alumnos, escribín Agnagnórise”, a obra máis relevante por difusión dun longo catálogo de libros individuais e colectivos no que, para esta autora, o preferido sempre foi “Leonardo e os fontaneiros”; literatura xuvenil que naceu á vida editorial cun premio xa baixo o brazo. 
Ser estrela no firmamento das Letras Galegas é boa ocasión para recuperar obra que ficou nun segundo plano. Velaí tres títulos, da iniciativa de Urco Editora coa colaboración fundamental de Xavier Senín: A brétema, O cataventos e O amor e as palabras. Selo que a incluíu entre as “mulleres bravas da nosa historia”. É tempo pór en valor a esta encantadora de palabras.   
 

A encantadora de palabras

Te puede interesar