A estampa do aforismo

De quereres ser universal, fala da túa aldea. É unha frase ou afirmación que se atribúe a León Tolstói. Sexa del ou non, é un aforismo. E dicir, unha proposición concisa, completa e a miúdo enxeñosa, escrita polo xeral en prosa, que enuncia unha norma filosófica, moral ou científica sen argumentala. O antes dito é a súa definición no dicionario académico. Porén, André Vilas vén de facer diso un texto sen parangón, marcado polo compromiso social, que sumado á creatividade plástica de Ciro Sánchez deu vida á edición de “Aforismografías”, publicación con formato de libro que inclúen nunha caixiña artística cun tesouro de corenta láminas, que debería forman parte relevante na carta aos Reis, a próxima cita para un agasallo con personalidade e valor de seu.  
Os antigos profesores de ensino medio, Vilas Rubiáns e Sánchez Suárez, son referente destacado da modestia, desa xente que pon o seu traballo desinteresadamente ao servizo do resto da comunidade por convicción e militancia na causa común da cultura popular. Por iso, estas “aforismografías” non levan formato de serie numerada que lle daría valor de álbum artístico. Mágoa, mais ese valor existe na forma e no grafismo que conforma un todo único coa expresión literaria. Con certeza, o seu enmarcado encherá de forza visual calquera recuncho da casa.
Á forza visual da estampa gráfica engádese, coa mesma intensidade, a proposta reflexiva; ese discurso fronte á inxustiza condensado nunha metáfora que peta en nós á procura de provocar unha reacción a prol dun mundo mellor. É así cando nos lembra que “a música ten certos toques racistas: A partitura é negra, pero o fondo é branco. Unha branca val dúas negras. A escala dodecafónica ten sete notas brancas e cinco negras. A maioría dos semitóns no piano son negros, os tons son brancos. As notas negras do Jazz, Blues, Soul, son notas de suor nos campos de algodón en compases rítmicos de liberdade”. Aínda así, di “búscalle o sorrido ao mundo, teno”. 
“O éxito de Vivaldi: Compoñer catro estacións antes de que se inventase o tren”. Retranca galega que tamén emprega advertindo que “alucinar é descubrir a música das flores cando cantan os paxaros”; sen perder a fina dote da observación: “Política de bandullos cheos; políticas de ideas famélicas”. Consideracións lóxicas que non precisan de teorías da física cuántica: “Se o reloxo marcara o tempo cara atrás naceriamos no cadaleito”. Sabedoría universal do mundo rural, “o espírito dunha cepa vella está dentro dun bocoi de viño”; e tenrura, “os bicos son miradas doces”.
Para alén de todo iso “o gran aforismo está por escribir; dicilo todo sen falar nada”. Fai pensar.

A estampa do aforismo

Te puede interesar