A galiña acurralada

Dende fai xa preto de século e medio, tempo no que por vez primeira hai constancia escrita da súa presenza no territorio do norte italiano, un teimoso virus vai percorrendo o mundo planetario á caza preferente de presas do reino plumífero: é a gripe aviaria. 
O bichiño non para quieto en lugar ou forma, vai viaxando de sitio en sitio e muda a cepas novas coas que mesmo chega a infectar a outras especies animais, caso do porco, e incluso á humana. 
A xeografía asiática ten sido nos últimos anos un escenario de morte para xente contaxiada pola gripe nesta variante atípica. Agora, polo que se ve, poda que estea a facer o Camiño Xacobeo, pronto a chegar entre nós.
Velaí a preocupación, entre a cidadanía vixiante, e as medidas oficiais que se teñen mandado adoptar nos concellos considerados zonas de especial risco polo máis grande perigo que representa a existencia de zonas húmidas con elevado tránsito de aves, en proceso migratorio de primavera, caso do entorno que configura o Complexo Intermareal de O Grove-Umia-Carreirón na comarca de O Salnés. 
Aquí, a norma ditada prohibe a cría de aves de curral ao aire libre, a subministración a estas plumíferas de auga procedente de depósitos aos que poidan acceder paxaros salvaxes, a necesidade de illar o recinto de cría para impedir a entrada de aves silvestres e a exixencia de censar nun rexistro público a relación de galiñeiros que conten con animais desta característica para consumo doméstico. 
O último asunto, para alén da utilidade sanitaria, é cousa de certa desconfianza polo temor ao uso de datos para a creación dun futuro novo imposto.
Nos últimos anos o medio rural galego é parte sobranceira do club das pragas: couza da pataca guatemalteca, avespa asiática, vacas tolas e outras desgrazas froito da actuación irresponsábel da sociedade industrial. 
As vésperas, cos casos recentes de granxas en terras castelás ou catalás co sacrifico de miles e miles de aves, non invitan á tranquilidade. A traxectoria do virus, tampouco.
Paradoxo coincidente coa celebración das Letras Galegas que honran a Carlos Casares, autor de “A galiña azul”, marca da rede de Escolas Infantís da Xunta, un libro de fai corenta anos que iniciou a moita xente na nosa lingua. 
Historia dunha galiña ameazada de morte polo rapaz que non aceptaba o seu xeito diferente de cacarexar. Daquela nada temiamos da gripe aviaria. 

 

A galiña acurralada

Te puede interesar