A lingua da mocidade

diminúe o uso do galego entre os membros da Xeración Z. Dito doutro xeito, o grupo do mozas e mozos que viñeron ao mundo na década dos anos noventa do pasado século fala menos galego que os “mileniais” que é a marca coa que se identifica á da década anterior. Mala noticia, por máis que fose agardada á vista das políticas públicas coas que se afronta o proceso de normalización lingüística; non compensada pola apreciación de que este grupo de idade “ten menos prexuízos negativos cara ao idioma”. E dicir, a xeito dunha moeda con cara e cruz, esta última amosa que o galego perde presenza como referente lingüístico familiar e na comunicación diaria da xente máis nova, aínda que a boa nova sexa que, no resultado dun estudo avanzado días pasados polo Seminario de Sociolingüística da Real Academia Galega, rexístrase tamén un cambio substantivo na percepción social da lingua. Porén, do rigor deste traballo, saltan todas as alarmas á vez.
Visto é que, nos últimos tempos, todo que atinxe a noticia estatística apunta na dirección dun pesadelo que pasa a ser unha pantasma que persigue a dinámica necesaria a prol dunha evolución harmónica do corpo social. Trátese do asunto da transmisión familiar do idioma ou da demografía que continúa na dirección de diminuír nacementos, incrementar a diferenza destes a respecto das defuncións cun saldo final negativo en relación co crecemento da poboación; e mesmo do atraso na realización de procesos vitais: O nacemento do primeiro fillo á idade máis avanzada, practicamente ao límite da capacidade biolóxica; formalización do matrimonio das parellas e, peor aínda, a máis baixa taxa histórica de nacementos por muller fértil que moito ten a ver coa situación actual de incerteza económica e da calidade precaria dun emprego que non permite adoptar decisións persoais que serían condición imprescindíbel para mudar a tendencia. 
Velaí unha causa máis que configura un panorama no que, un de cada tres fogares galegos, non teñen referente algún á hora de transmitir a lingua propia a esta xeración que agora está a entrar na súa maioría de idade, afastada do uso cotiá do idioma propio por máis que lles resulte coñecido e asumíbel no manexo e destreza dun ensino curricular que superaron con suficiencia.
Estamos diante dun problema cultural e de identidade colectiva que precisa unha modificación radical no enfoque da promoción da lingua. Precisamos máis medidas, como adoptada pola Deputación de Pontevedra, declarando o presenta Ano da Lingua, un programa da Área de Cultura que nos ofrece a mostra didáctica “Gatiños, Ghatiñas, Gatíos. Xeitos de falarmos galego” coa que pretende achegar, a través do universo Bolechas, a riqueza do idioma galego. Bo camiño.

A lingua da mocidade

Te puede interesar