A linguaxe inclusiva

No contexto da sociedade actual “os medios de comunicación son os responsables de construír a representación da realidade mesma. Son os encargados de informar ás persoas sobre o mundo no que viven, sobre as cousas que lles interesan pero tamén das que non, e quizais deberían. Os medios teñen o gran poder de crear un estado de opinión pública, de provocar que as masas falen sobre o que eles decidan publicar e tamén de que esas mesmas masas se formen unha idea determinada sobre as cousas. Por iso o papel dos medios é tan importante e debe estar moi coidado”. Mais para iso, o primeiro paso nesta labor é o emprego dunha linguaxe inclusiva.

Iso é o que vén sostendo, con forte carga de razón e argumentos, a Guía de Linguaxe Inclusiva elaborada polo alumnado da materia de Redacción Informativa na Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Compostela, coa colaboración do Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e dun grupo de investigación da Facultade de Ciencias da Educación da mesma universidade. Este traballo de máis de cen páxinas está ao dispor de todas as persoas interesadas de xeito gratuíto e pode ser ollado e mesmo descargado na web do proxecto ou na do colexio profesional parceiro.  É un documento moi valioso à hora de combater, coas súas propostas e recomendacións de uso, o emprego de linguaxes discriminatorias e prácticas para o tratamento informativo de distintos colectivos e situacións que poidan xerar riscos de exclusión.  

O texto da guía aborda diferentes ámbitos, partindo dunha esquematización xeral de propostas alternativas ao descoido habitual na narración, para procurar a extensión dunha linguaxe non sexista; e aborda o tratamento de varios colectivos e causas: Infancia, persoas maiores, pobreza, emprego, emerxencias e catástrofes, comunidade LGTBQI, cooperación internacional, comercio xusto, medio ambiente natural, persoas forzadas á migración, xente privada de liberdade, capacidades diversas e racismo.

Comprometen futura ampliación con recomendacións de tratamento lingüístico nos casos de suicidios, das adiccións, da prostitución ou aspectos da moral e da relixión. O proxecto fica aberto ás achegas que podan mellorar este propósito necesario. 

Porque “un dos principais obxectivos do xornalismo é darlle voz a aquelas persoas que non a teñen ou ben que non son escoitadas, proporcionarlle visibilidade ás que se atopan na sombra, reflectir unha mensaxe igualitaria e indistinta”. Lembremos que “a sociedade en rede na que nos atopamos inmersos mudou o paradigma dos medios de comunicación. As novas canles de difusión que naceron coa aparición da Internet fixeron posible o acceso masivo e inmediato á información; coa presenza e influencia nas nosas vidas que outorga ao xornalismo a misión de ofrecer unha información útil e de calidade para que se precisa dunha linguaxe acaída que evite expresións non inclusiva nas que é moi doado caer por culpa dos prexuízos sociais”. Abofé que si.

A linguaxe inclusiva

Te puede interesar