• Domingo, 23 de Septiembre de 2018

Tempo atrás, e aínda hoxe en día, os fenómenos da regularidade física que se derivan do patrón de comportamento

Tempo atrás, e aínda hoxe en día, os fenómenos da regularidade física que se derivan do patrón de comportamento da rotación astral de planetas, satélites e outros obxectos ou entidades que configuran o universo visíbel dende a observación humana, constituíron un forte elemento de configuración da opinión pública a respecto da creación dun código interesado, polo poder civil ou eclesiástico, co que se transmitía medo, temor e, nese ambiente, un xeito de control social. Agora, coa claridade do coñecemento científico as cousas óllanse doutro xeito, aínda que estamos diante da  metafórica existencia dunha profética mensaxe cósmica. É o caso da “lúa vermella”.
Na consideración antropolóxica clásica, esta última manifestación do fenómeno da “lúa de fogo”, ou “lúa de sangue”, tamén chamada lúa vermella na súa simboloxía coa luz dun semáforo, non deixaría de asociarse a situacións que están a producirse neste outro universo planetario que é a desfeita que está a soportar o planeta Terra. Velaí, dous elementos encadeamos que, fóra da certeza científica e sempre dentro desa amábel consideración que levamos a respecto da fascinación polo que poda ser, iso de que “meigas habelas hainas”, asocian ao eclipse luar co fenómeno do cambio climático; e, directamente relacionado con iso, á situación das moi altas temperaturas que soportan en varias latitudes próximas ao Polo Norte; unha anormalidade atípica.
Para alén da existencia dunha man criminosa que puidera estar detrás da vaga de incendios que deixou morte e destrución nas terras gregas, esta coincidencia tamén habería que sumar ao inventario das alertas marcadas pola técnica hermenéutica na sempre esotérica interpretación da linguaxe dun universo, no que a paralela dinámica dos elementos espazo e tempo transmuta todo da física á metafísica que xa é doutra dimensión máis complicada de administrar na sabedoría popular. Velaí o mérito que, precisamente, representa traducir axeitadamente o enigma cósmico.
Así e todo, da eclipse luar observada agora, unha cousa é indiscutíbel: A cor é vermella, polo tanto o recado que nos manda é de alerta. As xeracións da raza humana, responsábeis da deriva planetaria pola súa acción ou pola omisión do deber de coidar este legado do universo que nos foi asignado, deben tomar boa nota do aviso para navegantes que, reiteradamente, se está a mostrar dende as sinais do cosmos. Movementos migratorios, cambio climático, conflitos bélicos, guerras comerciais, dereitos humanos básicos e outros aspectos da convivencia. Alerta vermella.