• Miércoles, 19 de Septiembre de 2018

Lembramos o centenario da coñecida por “gripe española”, a grande pandemia que arredor de 1918 foi causa de morte para decenas de millóns de persoas por todo o mundo.

Lembramos o centenario da coñecida por “gripe española”, a grande pandemia que arredor de 1918 foi causa de morte para decenas de millóns de persoas por todo o mundo, especialmente na orbe occidental. Esta grande gripe de inusitada gravidade que para alén de nenos e persoas maiores, vítimas máis frecuentes desta patoloxía, afectou especialmente a persoas xoves e de mediana idade e, ao tempo, tamén a diferentes tipos de animais non humanos, tomou ese peculiar alcume de “española” xustamente por resultar singularmente o ámbito territorial onde máis tratamento recibiu nos medios de comunicación nun tempo histórico de guerra no continente europeo que ollaba con censura propia todo o que puidera afectar á moral da tropa en combate. 
Por casualidade fortuíta, sen relación aparente coa conmemoración do centenario da mítica  pandemia de gripe, unha prestixiosa institución científica internacional con campus físico nos Estados Unidos vén de realizar un simulacro, incluído rigoroso cálculo informático, a xeito de custoso estudio para avaliar o efecto que podería darse dunha situación de carácter semellante á que pode verse en certos filmes, caso da película Contaxio; máis aínda, unha situación académica que fixese uso do xogo de mesa “Pandemic” para ver o efecto que resultaría, coa dinámica veloz dos movementos de persoas que se producen actualmente. Como resulta de agardar, o resultado plasmado nun informe á opinión pública, con copia de recibo á Organización Mundial da Saúde, é terrorífico. Centos de millóns de persoas; e dicir, os mortos da “gripe española” multiplicados por cinco, cando menos, sería o efecto potencial mínimo nun período de ano e medio sen capacidade de reacción do sistema sanitario, político e institucional que puidera impedilo. Catástrofe á vista.
Por iso, diante da incapacidade da maquinaria farmacéutica e sanitaria do mundo industrializado para neutralizar con eficiencia un futuro panorama pandémico, os expertos consideran urxente intervir na precaria rede hospitalaria do terceiro mundo que cren  será o lugar onde arrancará o letal virus. Porén, nada se di a respecto da causa certa que pode dar lugar a esta futura situación de exterminio para unha boa parte da poboación actual do planeta: A miseria, froito das condicións de pobreza derivadas do espolio, polas potencias occidentais, da riqueza natural que está a explotar ata os límites da capacidade de subsistencia ás xentes dos territorios nos que, precisamente por esa causa, pode orixinarse a pandemia. Precisan políticas de desenrolo.