A perna que tapa outra

Diante da determinación acordada polos académicos da RAG, negando por sétima vez a opción de escoller a Ricardo Carbalho Calero para ser honrado coas Letras Galegas do próximo ano, trocando esta alternativa pola do galeguista Antón Fraguas, vén podería facerse metáfora da cantiga popular: Unha perna tapa a outra. A sorte do autor de Scórpio, a xeito dunha abominación bíblica é unha decisión que para mágoa dos seus opositores vai operando como búmerang,  agrandando a súa figura mítica de rebeldía non asumíbel para o estamento máis acomodaticio de entre os numerarios da institución, sempre dispostos a ser sensíbeis coa suxestión que lles chega das autoridades políticas; e, tamén, de certa animadversión persoal dalgún que non se agocha. 
A persistencia reiterada no intento de someter ao ostracismo que teimosamente amosa a Real Academia Galega a respecto de Carbalho Calero, próximo xa á conmemoración do trinta aniversario do seu pasamento, en xustiza, non pode continuar por resultar unha das ausencias máis clamorosas no eido das celebracións e homenaxes ás grandes persoas da cultura do país. O ferrolán simboliza unha discrepancia ben xustificábel contra o actual modelo de política lingüística ao tempo de manter unha posición crítica respecto do nivel democrático derivado da chamada transición política. Velaí a causa que, tirando dun retranqueiro chío, fará que continúe a ser o eterno aspirante por moitos decenios máis. Con estas vésperas non vai desatinado; non, abofé.
Porén, Antón Fraguas é digna “perna que tapa outra”. Os seus merecementos non teñen chata. O recoñecemento ao seu labor a prol da cultura galega é de lei, especialmente no eido da etnografía e diso que na Socioloxía se coñece por “folclorismo”, ben entendido como estudo das manifestacións da cultura popular e das tradicións sociais do mundo rural galego, con énfase na lembranza da súa achega fundamental ao impulso do Museo do Pobo Galego, partindo dunha primeira etapa como municipal de Compostela, no Convento de Bonaval; entre outro traballo altruísta que non pode esquecer o seu temperá vencello á causa nacional galega co activismo nas Irmandades da Fala e no Seminario de Estudos Galegos, por el transformado, pasada unha década após o trunfo do golpe militar franquista, no Instituto de Estudios Padre Sarmiento.  
Este antigo cronista galego é autor dunha obra extensa e valiosa, con máis de trescentos artigos ou libros publicados en diferentes medios, labor que comezou sendo mozo en Nós e A Nosa Terra, divulgados en revistas, xornais e moitos parladoiros. Na súa honra, creouse unha fundación co seu nome para “proxectar, conservar e dinamizar o patrimonio que Fraguas e toda a xeración por el representada crearon e rescataron para a conservación futura da memoria de Galiza”. 
 

A perna que tapa outra

Te puede interesar