jueves 02.07.2020

A peste contemporánea

este, substantivo, é expresión da grave doenza infecciosa e contaxiosa que causa mortalidade entre persoas e animais. Daquela, é moi certeiro saber  que “a peste negra” decimou a poboación europea na Idade Media. O vocábulo, na súa variábel metafórica, fálanos da enfermidade que ataca masivamente plantas ou animais. Razón pola que hai que sulfatar as patacas contra a peste, por exemplo do antedito. Aínda máis, no senso figurado, a peste e referencia ao mal olor ou cousa que o produce. 
Velaí como unha palabra é sinónimo dun dos escenarios que máis ten influído nas redución da poboación mundial na pasada historia que agora vén á nosa memoria actual pola incerteza de futuro, e polos cambios negativos que mágoa diso  producirán, os efectos da nova pandemia que algún medio, inxustamente, ten alcumado de “peste chinesa” pola referencia xeográfica ao lugar de inicio desta infección contaxiosa, sen sermos realmente coñecedores do seu verdadeiro berce. Cousa que non vén ao caso.
Se precisamos un elemento visual para trazar un camiño de relación entre as grandes pandemias que soportou a humanidade, coa súa versión do mundo globalizado de hoxe en día, con certeza esa icona simbólica é a máscara. Si, ese actual aparello especial co que se cobre a cara, ou parte dela, para protexela, evitar a recepción das toses contaminadas de virus, non introducir no organismo gases tóxicos, facilitar o envío de osíxeno aos pulmóns e outras funcións; útiles sanitarios dos que o sistema da saúde pública está dramaticamente carente como consecuencia dos recortes que soportaron nos últimos anos, causados polas políticas de austeridade. Máscaras que na pandemia do século XIV, a da peste bubónica ou peste negra,  tiñan a forma de paxaro e identificaban aos médicos da época que combateron a, polo de agora, epidemia máis devastadora de todos os tempos. 
A crónica xeral da humanidade conta de multitude de episodios, moitos deles nos últimos cen anos, entre eles a paradoxal “gripe española” que ocasionou millóns de mortes a nivel europeo, porén semella que nada se aprendeu, a respecto da previsión de medios e recursos, para unha situación así, que novamente golpea ás persoas da totalidade do planeta.

Comentarios