A relatividade en galego

Unha moi boa iniciativa do Consello da Cultura achéganos a publicación, en versión adaptada á lingua galega, da mítica obra de Albert Einstein: Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral (De fácil comprensión). Ao tempo, representantes de todas as linguas existentes no Estado español cítanse nun foro de reflexión en Compostela ao cumprirse vinte e cinco anos da aprobación da Carta Europea para as Linguas Rexionais ou Minoritarias. Ben. No entanto, unha agrupación policial, dependente do Ministerio de Interior, fai denuncia pola existencia duns sinais municipais de tránsito, colocados moito tempo atrás, cunha información en galego. Mal, moi mal.
Se por relativo entendemos a expresión do “que cómpre comparalo con algo para ser definido”, é indiscutíbel que o estado de saúde do acatamento e promoción do noso idioma non está no mellor momento. Mais aínda, facendo unha extracción parcial dun dos conceptos achegados por Einstein, fóra do contexto científico no que está inserido, o buraco negro a respecto do trato a lingua propia é tan potente que mesmo condiciona a súa normalización aceptábel na vida cotiá. 
Tirando pola vía do optimismo; e dicir, ver unha botella mediada de líquido como medio chea no canto de medio baldeira, sumamos outra iniciativa positiva en curso, dentro dos cursos de verán universitarios, que tratará sobre “Alfonso X, O Sabio: cronista e protagonista do seu tempo”. Oportunidade para lembrar ao monarca que optou pola lingua galega para escribir o mellor da súa obra literaria, as Cantigas de Santa María. Ocasión para situar nos dereitos históricos a demanda de respecto legal ao uso, impulso á divulgación e aposta de futuro por un idioma secular, o noso. 
Sen dúbida, a edición galega da Teoría da Relatividade, algo que podemos e debemos ler ou descargar de balde en Internet na web do Consello da Cultura Galega, é unha demostración eficaz de que “na lingua galega pódense expresar as ideas máis abstractas e os conceptos máis requintados”.  Para o seu presidente “a decisión de editar uns textos de Einstein, o científico máis famoso e coñecido do século pasado en todo o mundo, forma para dunha concepción normalizada da cultura galega e un modo de proseguir os esforzos que neste sentido fixeron algúns dos nosos devanceiros lúcidos, como foron os membros da xeración Nós, das Irmandades da Fala e do Seminario de Estudos Galegos”. Tardou, certo. Van alá cen anos da primeira edición alemá. O foro das linguas non estatais é boa ocasión para avaliar o cumprimento, no ámbito español, da Carta das Linguas aprobada polo Consello de Europa, mandamento legal de protección que debe construír un mecanismo de seguimento para evitar situacións de aldraxe, ao galego, intolerábeis. 

A relatividade en galego

Te puede interesar