A saia da Carolina

Bailaches, Carolina? Bailei, si señor. Bailei, abofé. Metáfora dunha vida. Anacos da letra dunha cantiga popular de forte tradición festeira para convidar ao baile, no ámbito galego e no espazo fronteirizo ao noso territorio, que trata dunha moza, A Carolina, que “cando baila move o rabo do lagarto que leva na saia e levanta paixóns entre os varóns da localidade máis poderosos, identificados no coronel ou no crego; cunha literatura de dobre sentido e forte acento picaresco no que poden verse símbolos animais que fan referencia á excitación e, dese xeito, ao dominio dos baixos instintos pola intelixencia. A fábula sobre esta peza lúdico musical fálanos da súa inspiración na personaxe da Bela Otero, a moza de Valga que marcou un fito de admiración na Belle Époque francesa, agora conmemorada no cento cincuenta aniversario do seu nacemento.
Carolina Otero, nome artístico de quen na partida do seu bautizo se chamaba Agustina Carmen, foi construíndo, por necesidade e por habilidade, unha lenda ao seu redor no que as cousas da súa memoria contada podan non ser tal e como foron relatada nas “auténticas memorias da Bela Otero”; ou si, que do asunto dá o mesmo. Estamos diante dun mito na súa acepción de “personaxe ou acontecemento de gran transcendencia que se presenta deformado ou esaxerado pola tradición”. Porén, non importa. Estamos diante dunha muller que, a partir dunha agresión sexual sufrida na súa nenez, deixou o ambiente do ámbito rural da vida precaria para aventurarse polo mundo porque “a Bela Otero, ademais de fermosa, era unha muller intelixente e isto permitiulle acadar fama, espertar paixóns, acumular riqueza, aprender cultura e idiomas, cantar, bailar, participar en faladoiros de intelectuais, dilapidar amores e paixóns masculinas, pagando o prezo, iso si, de morrer soa, na Costa Azul francesa que ela tanto amara nos días de gloria”.
O baile, o movemento do seu corpo, a súa sedución nos escenarios non foron só produto da súa beleza senón tamén da súa habilidade, do seu tesón e do seu bo facer. A súa vestimenta, as súas xoias, a súa vida, as súas conquistas masculinas serviron de base a novelas, crónicas xornalísticas, series de postais e mesmo películas. Os homes ricos e poderosos que con ela se relacionaron (príncipes, tsares, ricos empresarios) e que, nalgún caso, chegaron ao suicidio na busca do seu amor e da súa posesión contribuíron tamén a engrandecer a lenda da Bela Otero. Mágoa da súa dependencia incontrolábel ao xogo que amargou o días finais dunha longa traxectoria que estivo próxima a completar a centuria. 
Agora, nas celebracións que se farán no seu concello de nacemento, acentúase o seu feminismo pioneiro á par doutras mulleres galegas relevantes do seu tempo: “Aprendín a calar e dancei para expresarme. De retorno a Valga, falo, sinto e danzo”. Lenda viva. 

A saia da Carolina

Te puede interesar