acelebración do bautizado Día de Europa estivo augada pola alegoría herdada do corpo teórico que na ciencia física estableceu Isaac Newton, hoxe coñecido polas “leis do movemento” que levan o seu nome; neste caso a terceira, á do principio de acción e reacción. Aquí, o concepto de lei nada ten a ver co mundo xurídico. É, neste caso, referencia dese substantivo feminino que trata da regra universal á que están suxeitos os fenómenos da natureza, máis certeiramente a noción que na Física é “enunciado do comportamento dun fenómeno natural, obtido por indución, despois de ter analizado un número finito de experiencias análogas e presentado mediante unha relación matemática”. So que neste caso, trasladado ao mundo político e diplomático.
Sostén Newton que “con toda acción prodúcese sempre unha reacción igual e contraria”; isto é, un efecto polo cal as actuacións mutuas de dous corpos sempre son iguais e van en oposición. Por iso, a decisión da presidencia americana de esmendrellar a traxectoria de acordo con Irán, en materia nuclear, está a producir un problema de fondo calado a respecto dos intereses europeos neste territorio árabe, á porta mesma do vello continente; e, consecuencia diso e doutras cousas de comportamento político insolidario centrado no interese mirando para si propios, fai que os referentes políticos dos Estados máis sobranceiros da Unión Europea vexan esnaquizada a filosofía do histórico acordo de “Bretton Woods” que, en 1944, representou a transferencia do liderado económico occidental ao goberno de Washington quen pasou a se comportar como “curmán do zumosol”, sacando as castaña do lume aos políticos comunitarios.
Velaí a consideración da chanceler alemá afirmando que “non podemos deixar que outros decidan por nós, Europa debe coller o seu destino nas súas propias mans”. Palabras nun solemne acto de honra ao presidente francés quen, vista a situación creada no Oriente Próximo, marcou perfil asegurando “eliximos construír a paz alí, outras potencias non mantiveron a súa palabra” e, constatación diso, chama a fortalecer a política exterior común, sabedor que no escenario sirio a presenza europea ten un papel secundario, case marxinal. Lugar este no que a maquinaria de guerra israelí tira da súa tradicional política agresiva para regar con bombas mortíferas que buscan escalar un conflito alimentando a tensión nunha táboa de xadrez especialmente sensíbel e fráxil. Namentres a filla do mandatario gringo inaugura embaixada en Xerusalén. Alerta á reacción.