Adiviñar o porvir ollando para a bola do mundo

o alén dese basto océano atlántico que nos separa da costa americana vén de apagarse a estrela cósmica dun referente intelectual, fundamental para entender ese movemento que coñecemos pola análise científica da globalización capitalista mundial. No último día do pasado mes de Agosto morreu Immanuel Maurice Wallerstein, sociólogo e analista económico que bebeu na fonte do seu coñecemento xeopolítico planetario, da condición de historiador social e do saber académico amoreado nos moitos anos de investigación e docencia universitaria para deixarnos un legado de máis de trinta obras, ensaios sumados na corrente de autores que desenvolveron a teoría dos sistemas mundo, magnificamente tratada por el nos catro volumes titulados “O moderno sistema mundial”, unha radiografía dos diferentes momentos de expansión política, social e territorial do capitalismo dende o Século Dezaseis até o Dezanove cos seus ciclos de hexemonía xenovesa, holandesa, británica e finalmente, norteamericana. Agárdase a quinta entrega que debe ficar inédita na gabeta electrónica do autor, peza complementaria para ver o pasado século.
Aínda así, o profesor da Universidade de Binghamton, nunha coincidencia casual con outros autores que forxaron unha evolución da traxectoria cultural marxista para situala na reflexión histórica orientada a práctica política; grupo labrado na experiencia do considerado “sesenta e oito norteamericano” marcados pola influenza da guerra do Vietnam e pola expansión imperialista dos Estados Unidos, produciron obra intelectual sobre a loita de clases, o sistema de estados, os movementos de liberación nacional e descolonización ou a fuxida do capital de cara o continente asiático a partir da crise do petróleo que estoupou fai preto de cincuenta anos atrás. Por iso, Wallerstein, como especialista en ciencias sociais foi quen de predicir con moita antelación aspectos históricos que conmoveron os cementos dos equilibrios existentes no mundo; entre eles, a caída do Muro de Berlín ou o ascenso de China como receptor da capital que fuxía dos costos salariais, ambientais e fiscais do territorio occidental do planeta. Un xeito máxico de ver na bola do mundo as sinais que informan do porvir da humanidade sometida a un sistema económico inxusto.
Para o antigo alumno de Columbia, foron os movementos contrarios ao sistema imperante, a contestación ao capitalismo na súas diversas encarnacións históricas, os que levaron a iniciativa política fronte á que o mesmo sistema capitalista mobilizou a súa capacidade de operar a escala mundial para deixar estes movemento ancorados nos ámbitos territoriais dos estados nos que tiveron a súa orixe. Porén, en cada movemento de fuxida e revivir do capitalismo xurde un novo escenario de conflito entre os opresores capitalistas e a clase traballadora; dinámica que a súa vez provoca toda unha serie de conflitos entre as diferentes segmentación sociais que conforman a forza de traballo. E, tamén, conflito entre os capitalistas entre si e cos ecosistemas. Teoría viva.

Adiviñar o porvir ollando para a bola do mundo

Te puede interesar