Admonición do arco da vella

AAdmonición, como palabra ou conxunto delas, é acción de advertir ou amoestar a alguén; sexa a persoa individual ou a colectivo máis extenso, mesmo á sociedade no seu conxunto. Iso é, precisamente, o que vén facer o terceiro Guerreiro do Arco da Vella, Rainbow Warrior, título que figura na embarcación de Greenpeace que veu fondear á Ría de Arousa, no peirao de Vilagarcía, non sen impedimento fóra ou dificultade obsesiva aquí. Atracou cun recado vital, esa cousa que se di ou que se dá a unha persoa ou grupo para que lla transmitan a outras. Un aviso urxente de alerta prioritaria co que se busca concienciar á cidadanía e a súa clase política na imprescindíbel loita en contra da crise climática se, de verdade, queremos continuar habitando este planeta. 

Por iso, o arco da vella que forma a icónica simboloxía desta organización internacional consagrada á defensa do medio natural, é toda unha metáfora pola súa esencia. Velaí a parábola boa, á da esperanza na reacción humana que evite a catástrofe ambiental, polo que representa de efecto óptico marabilloso a respecto da súa aparición no ceo manifestándose cun arco con bandas de cores, desde o vermello até o violeta, cubrindo todo o espectro visíbel de luz, producida como resultado da presenza simultánea da luz directa do sol e máis da chuvia; dous elementos fundamentais que fixeron posíbel a existencia de seres vivos na Terra. Certo é que, como demostra a tradición antropolóxica da súa consideración na cultura popular galega, o arco da vella é unha sorte de código admonitorio de malos presaxios. Na súa versión de arco das bruxas, o maligno facía uso do arco para baixar á terra e levarse con el algún meniño ou moza, temor expresado na cantiga popular: Arco da vella, vaite de aí, que as nenas bonitas non son para ti. 

Porén o barco de Greenpeace vén as terras galegas, nunha singradura mundial, para esixir ao Goberno que lexisle xa en contra do cambio climático, facendo que a comprometida Lei de Cambio Climático e Transición Enerxética ou o estatal Plan Integrado de Clima e Enerxía do próximo decenio eviten a interferencia das grandes empresas enerxéticas, beneficiarias de subvencións á produción enerxética de centrais de carbón ou nucleares, facendo destes instrumentos normativos unha actuación firme á urxente substitución das enerxías contaminantes e perigosas pola súa alternativa de renovábeis limpas.

Admonición do arco da vella

Te puede interesar