Agonía do orballo

A cousa é seria, moi sería, abofé que si. De todas as palabras que expresan os diferentes xeitos de recibir ese ben da natureza que é a chuvia, mostra do rico patrimonio lingüístico mais tamén da importancia que ten para o país este líquido que dá sabia a regueiros, regatos e ríos desta terra verde que o é por iso; sen dúbida a expresión orballo é a máis popular de todas elas. Porén, científicos do mundo universitario galego avisan do perigo de perder esta forma tan amábel como proveitosa de recibir augas das nubes. Consecuencia inevitábel do cambio climático, ese que xa practicamente ninguén discute ser un dos problemas actuais máis importantes da humanidade, a intensidade da chuvia pasará a parámetros que hoxe son titular de noticias catastróficas.
Velaí os modelos que manexan os investigadores climáticos, no ámbito da súa contribución ao coñecemento político das consecuencias de non incorporar medidas urxentes que diminúan o quentamento global. No máis catastrófico das previsións, ese que será o máis probábel de continuar xustamente co modelo industrial imperante hoxe en día co que se guindan masivas toneladas de gases de efecto invernadoiro a atmosfera incrementando o buraco na capa de ozono, a previsión indica que nun futuro non moi lonxe dos tempos actuais choverá máis en menos días; e dicir, a cachón. Polo tanto, mal augurio para esa forma de chuviscada espesa e lixeira que chamamos orballo, e a súa manifestación de morriñada que tanto ben fai ao campo e aos cultivos típicos da mesa gastronómica tirada do agro. Mágoa, tamén, para o grelo, esa manifestación tenra e tardía da nabiza que verá perder o seu papel de compañeiro do lacón, ou chegará a prezos estratosféricos ao xeito actual do polbo, afastándose do menú máis proletario. 
Por iso, a esperanza está na corrección das políticas ambientais que minoren o incremento da temperatura media do planeta Terra; e deste xeito acadar un segundo modelo que permite manter o niveis actuais de pluviosidade, tanto na duración como na intensidade, con pequenas variacións asumíbeis. Facer posíbel que sigamos a falar do “Telón de grelos” para marcar a nosa fronteira simbólica coas terras secas do límete oriental; e facer caso á cantiga tradicional que popularizou o grupo Treixadura: “Se chove, deixa chovere; se orballa, deixa orballare; por máis que chova e vente, de ti non me hei de apartare”. Precisamos máis sentidiño.  

 

Agonía do orballo

Te puede interesar