Aguilloados polo transo

transo, si; como momento crítico ou situación delicada que tamén leva implícita unha segunda opción na palabra, a xeito de metáfora do comportamento que está amosando o goberno estatal a respecto das concesións políticas necesarias para ir facendo camiño que facilite sexan aprobados definitivamente os orzamentos xerais: Estado psicofisiolóxico especial que adoita implicar unha notable disociación da personalidade. Velaí a mudanza radical a respecto do discurso, das normas legais impostas e de toda a estratexia seguida sobre o incremento das pensións; e, arredor del, da política financeira que garanta un sistema sustentábel de pensións públicas.
Nas portas da mobilización que encherá as rúas e prazas das cidades do país arredor da convocatoria do Primeiro de Maio, data senlleira no movemento obreiro internacional, a demanda dun aumento na capacidade adquisitiva das pensións, que nunca deberá ser inferior ao do índice dos prezos de consumo, é lema de cabeceira; sumado á demanda de atacar os efectos das leis de reforma laboral, coa súa derrogación, que trouxeron pobreza e traballos precarios nos que o abuso, a trampa favorecida pola lexislación e a arañeira de xeitos de furtar a mínima legalidade está a orde do día, causando unha diminución sangrante á recadación da caixa solidaria da Seguridade Social pola existencia de salarios de miseria; á par dunha fraude desatendida pola inspección laboral que priva tamén de recursos á facenda pública coa práctica de realizar pagamentos fóra da nómina regular, cando non impoñer escravistas prolongacións da xornada fixada no contrato laboral e xa nin pagar por elas, e moito menos cotizar ao fondo das pensións.
Deste xeito, a proposta de “suprimir o déficit da Seguridade Social en tres ou catro anos”, feita en tribuna pública polo ministro responsábel da tributación pedíndolle solucións para iso a esa enigmática comisión de xentes que se coñece polo Pacto de Toledo, políticos e técnicos que serven de pantalla para darlle aparencia de cálculo ás decisión políticas sobre esta materia, non deixa de ser unha soberana mostra de sarcasmo. As condicións impostas polo “amigo do norte” do que se precisa voto parlamentario, ben atinadas para este, nas que non é menor o feito de adiar outros cato anos máis a implantación da redución polo “factor sostíbel” é un auténtico aguillón; e dicir, unha “punta de ferro que se coloca nun dos cabos dunha aguillada para aplicar aos animais”. Seres que actúan con maldade perversa.

Aguilloados polo transo

Te puede interesar