Aínda que a mentira se vista...

Neste atolado mundo no que xa non sabemos ben onde está o norte ou calquera outro dos catro puntos cardinais, os creadores de libelos están nunha carreira teimosa por ver quen é capaz de gañar ese concurso que pugna por meter o gato por lebre máis grande. Para iso faise uso perverso da alquimia da linguaxe, nunha labor de enxeñería xenética que muda a mesma raíz do significado tradicionalmente entendido, para alumear unha nova palabra coa que producir o efecto de ilusión óptica da maxia; e dicir, alterar absolutamente o seu alcance orixinal. Mostra diso é a decisión de escoller ao neoloxismo “posverdade” que na súa versión en inglés, post-truth, é a palabra do ano para o Dicionario Oxford.  Disfrace léxico da mentira de toda a vida.
A cousa non é menor, certo que non. O empuxe nos medios de comunicación deste concepto que en boa lóxica, á hora de procurar conxugar o termo real de mentira co seu antónimo de verdade co obxecto de crear unha fusión de ambos, debería producir como resultado a síntese en “antiverdade” en analoxía do efecto que produce a antimateria que configura esa parte escura do universo na que están os buracos negros que tragan para dentro todo o que xira ao seu redor. Porén “posverdade” é, tamén, expresión dunha teoría social que se relaciona coas pautas de comunicación estendidas pola rede de Internet, cun efecto determinante na configuración de estados de opinión pública, tanto nas recentes eleccións á Presidencia americana como no Brexit.
Así, ese híbrido de “posverdade”, de ir para alén da verdade, fálanos das “circunstancias nas que os feitos obxectivos inflúen menos na formación da opinión pública, que os chamamentos á emoción e ao ideario do que persoalmente se cre correcto”. Deste xeito, a trola, o engano, a falacia,  a falsidade, a mentiras escandalosa e a mesma calumnia evidente, asúmese como verdade nese mecanismo psicolóxico que vai buscando unha información que dea satisfacción aos prexuízos do individuo. Á hora de ver o dinamismo que colle nas redes sociais, tamén indica a tentación da xente de relacionarse cos seu afíns no que atinxe a principios e afinidade.
Donald Trump débelle en boa medida a súa elección á influenza das falsidades canalizadas a través da canle do facebook, cunha audiencia global de 1.800 millóns de seguidores, utilizada polo 60 por cento dos electores americanos para “informarse” da campaña; xa que logo, con moita diferenza ser primeiro xornal universal no que a xerarquía e control da veracidade da información está xestionado por un algarismo. Andamos en tempos, dinámicas e palabras inéditos. Abofé. 

Aínda que a mentira se vista...

Te puede interesar