Aire negro no país das letras

Un golpe de vento malvado vén de arrincarnos a vida de Agustín Fernández Paz, unha desas persoas que pasan deixando un rastro de amizade, militancia a favor das causas xustas e forte pegada na promoción do idioma que nos fai colectividade singular no mundo. Para alén diso, é un dos nomes fundamentais da literatura galega, especialmente a considerada infantil e xuvenil, non só polo abondoso número de títulos creados en cifra preto a medio cento, senón polo feito de ter éxito inmediato e continuado cos lectores, así recoñecido e premiado en infinidade de ocasións.
Ademais, á súa condición de docente de lingua galega no ensino medio suma a coordinación e impulso editorial dalgunha das máis importantes coleccións de literatura para mozas e mozos. Como autor, aparte do seu destacado papel na literatura infantil e xuvenil, ten achegado obra de narrativa, ensaio e contribución a iniciativas de carácter colectivo; con énfase na promoción e divulgación da metodoloxía para ensinar o noso idioma ou o achegamento do cómic ás aulas. Fóra de Galiza a súa obra conta con numerosas traducións a outras linguas, non só ás peninsulares próximas, senón a outras ben distantes na liña xeográfica caso da árabe, chinesa ou coreana. A súa proxección internacional tamén foi galardoada reiteradamente polo mundo adiante.
Con Agustín Fernández Paz, pérdese non só un escritor excepcional e popular senón un referente ético de primeira magnitude; aínda que de certo continuará entre nós transfigurado na súa obra literaria, na continuidade do proxecto pedagóxico que ten asesorado para o ensino da lingua galega e na memoria colectiva que nunca esquecerá a súa lección de vida comprometida co país. Na viaxe que rematar de iniciar ao máis alá deste ámbito terreal, deberá agardar por ese momento que chegará con absoluta certeza para ser lembrado tamén na festa da letras galegas.
Agora, co traxecto de recordo inacabado á memoria da obra de Manuel María que aínda é causa de programación no presente ano, a Academia Galega escolleu xa o autor a quen dedicará o Día das Letras do próximo 2017. Os académicos numerarios optaron pola figura literaria de Carlos Casares Mouriño, autor tamén coñecido e popular con obra extensa que conxugou coa docencia, a participación política e a dirección editorial, colaboración xornalística e coordinación de revistas.
Porén, o aire negro certificou novamente a maldición de Carbalho Calero. Maldito vento ferido.

Aire negro no país das letras

Te puede interesar