Alento de gaita fraternal

ruada, xolda, algueirada, esmorga, folía, pándega, rexouba, riola, troula, gandaina; e aínda, carallada son algúns dos moitos sinónimos que poden utilizarse en relación ao concepto festa. Porén, cándo esta leva corazón e causa humanitaria, o máis acaído é Foliada Solidaria. Si, esa que por novena vez xuntou no entorno da vilagarciá Rúa da Baldosa a máis de duascentas persoas dun voluntariado de militancia na tradición musical galega máis popular; a conformada por un grupo de gaitas, tamboril e pandeiro, aínda que nos tempos actuais casan con outros instrumentos afíns que permiten ampliar o abano de sons e o matiz da variedade entre bandas. Un acontecemento digno do máis grande recoñecemento para unha iniciativa que achegou, tamén, preto de tres mil euros a un programa da Cruz Vermella para facilitar a capacitación para o emprego de persoa que arrastran situacións de paro crónico e outras problemáticas sociais. 
Un encontro cultural, agrandado se cabe pola oferta gastronómica que fixeron posíbel as doazóns de empresas e particulares co aderezo dos establecementos hostaleiros asentados neste singular curruncho da cidade para facilitar un menú de lacón, algunha bebida espirituosa e sobremesa con filloas que, sumados á boa música do ambiente, levaron á prolongación do mesmo por varias horas fóra da programación inicial. O éxito é evidente, tanto no que atinxe á calidade do evento, á súa organización malia as limitacións propias dun acontecemento con tanta participación humana; e, por riba diso, pola xusta finalidade que a iniciativa se propón nunha traxectoria que xa está totalmente consolidada. Máis, tamén, pola ben merecida homenaxe que se tributou ao grupo de gaiteiros “Os Encantiños do Umia”, un conxunto que ten deixado fonda pegada en toda a bisbarra.
Esta agrupación, con base en Godos, vén transitando polo vieiro que deixaron sementado “Os Campaneiros” de Vilagarcía, con enderezo no Sixto, cos que comparten unha andaina na que se foron sucedendo diferentes persoas co transcorrer do tempo. É feliz coincidencia que, na Sala de Exposicións do Auditorio municipal, ben preto do lugar da foliada, unha exposición organizada por colaboradores comarcais da Asociación de Gaiteiros Galegos poña en valor o legado que transmitiron en herdade os irmáns Valiñas e Carballa, os primeiros coas gaitas e os últimos na percusión, dúas parellas unidas pola fraternidade de sangue e, aínda moito máis, pola constancia no traballo calado da composición que deixou para o patrimonio musical galego pezas insuperábeis. Deixaron atrás un tesouro que engaiolou á xeración dos actuais grupos da música folk, con raíz asentada nestas terras á beira da Ría de Arousa ou do Río Ulla. Milladoiro, Treixadura e un amplísimo número de outras bandas, solistas e agrupacións musicais de base. Velaí a orixe da que provén o alento destas gaitas solidarias. 

Alento de gaita fraternal

Te puede interesar