Amparo cultural na rede

pandemia do virus que vén de colonizar ao mundo habitábel, tanto no seu aspecto de catástrofe sanitaria como tamén polo seu alcance económico e humano, creou un escenario inédito e impensábel  fai poucos meses atrás. Colleu a todos, gobernos e cidadanía, co pé cambiado. En cuestión de días, a propagación planetaria deste axente infeccioso de dimensión microscópica paralizou a nosa vida social, e con ela tanto o traballo como o lecer e vida cultural. Os hábitos cotiás de millóns de persoas foron bruscamente detidas, suspensas ao imparábel avance da enfermidade que se propagou á velocidade da luz, efecto colateral dunha dinámica de relacións globalizadas na que todo semella ser unha produción audiovisual en tempo real. Unha manchea de lugares ou espazos de socialización, incluídos bares, tendas e practicamente todas as instalacións culturais botaron reixa para enfrontarse a unha longa corentena que, sarcasmo da palabra definitoria, practicamente vai multiplicar por dous o algarismo desta cifra numérica. 
Porén, entre os sectores da vida colectiva ou das industrias comerciais afectadas pola epidemia vírica, sen dúbida algunha o ámbito cultural ficou total e absolutamente ao pairo; e dicir, sen rede de protección que minorase o golpe recibido. Unha situación de calamidade natural que non conta coa debida reacción no universo institucional dos gobernos de quenda, impasíbeis diante da vital importancia patrimonial que representan os valores inmateriais da nosa identidade colectiva. Daquela, nese ambiente de desconcerto, á falta da paraxe natural dos espazos de realización dos eventos culturais tradicionais ou de nova creación, a Rede de Internet resulta ser unha canle que diminúe o golpe na caída do dinamismo cultural, un xeito de rede protectora que simbolicamente conecta coa utilizada polos artistas de trapecio circense, aínda que no caso das e dos creadores culturais a realidade da súa situación actual é a dun futuro sen rede de protección algunha.
Asumindo que diante dunha botella, mediada no contido do seu líquido, podemos ollar que está medio baleira e ao tempo sería correcto vela como medio chea; esta expresión popular é metáfora que permite apreciar a bondade da experiencia acelerada que fixo da utilización dos medios de relación e comunicación de natureza electrónica, especialmente no ámbito da comunidade de internautas, a fiestra pola que é posíbel ver e gozar de iniciativas de lecer, de información e de coñecemento da sabedoría que vén do mundo artístico e das persoas que fan parte del. 
Novas experiencias que salvan o ermo provocado por esta  peste moderna e polo desleixo político e institucional. Camiño aberto á relación que irán consolidando novos ámbitos de produción, distribución e uso de contidos. Formatos que impulsou de xeito acelerado o mal que secuestrou ás xentes deste planeta totalmente espido diante dun bicho invisíbel. Rede protectora dunha cultura asfixiada pola corentena desta pandemia. Canle futura aberta á sabedoría e divulgación cultural. 

Amparo cultural na rede

Te puede interesar