Apandar có mal no corpo

Na pescuda da identidade antropolóxica que nos define como pobo diferenciado polo carácter cultural único e inimitábel, o solsticio de verán está cargado de forte simbolismo no aprecio colectivo pola natureza e, singularmente, polo desafío ás forzas maléficas que habelas, hainas e son ben poderosas. Abofé que certamente si son duras de roer. Daquela, as fogueiras na Noite do San Xoán, as herbas curandeiras que desafían á química dos laboratorios farmacéuticos canónicos, e todo o ritual que procura botar fóra o meigallo, apelando á bondade liberadora do lume, é incapaz por si de restaurar o equilibrio psíquico das persoas, e das colectividades, que levan o mal dentro do corpo, as veces sen ser conscientes diso. Moito menos pór fronte á doenza.

Aínda máis, na colonización do ritual naturalistas pola cerimonia relixiosa oficial,  ofrécese o proceso de quitar o “ramo cativo”, andazo asociado á faena perversa do diaño, cunha mecánica de enxeñería escénica cargada de palabra bravas, non moi axeitadas para ouvidos sensíbeis, e de xesticulación que vai do histerismo até a posesión diabólica dentro dun ser que, por moito que balbuce e remate por bicar á santa, poida que non teña remedio para o seu mal.  Porén, esta tradición romeira do país, estudada con rigor e profundidade por moitos dos nosos intelectuais e mesmo obxecto colateral da exposición “Galicia Máxica: Romarías e Santuarios” que pode e debe verse no Museo do Pobo Galego até o 22 de setembro próximo; é imaxe metafórica da situación social e política que está a invadir como imparábel peste ao corpo da Europa occidental. 

Velaí o novo movemento fascista que, con variantes locais, impulsa comportamentos xenófobos, totalitarios e opostos aos avances de benestar social baseados nas políticas de igualdade, xustiza retributiva e respecto pola diversidade persoal. Unha reacción descoñecida nos anos que sucederon á Segunda Guerra Mundial que, con certeza, teñen moito a ver coa decepción que presenta o actual proxecto da Unión Europea, incapaz de articular a pluralidade dos pobos que conforman este espazo territorial común. Engádase o efecto de empobrecemento causado pola xestión económica do euro, unha moeda deseñada desde os parámetros do liberalismo voraz das grandes corporacións empresariais, có fenómeno obsesivo da austeridade imposta pola troica reinante e concluiremos que situacións inesperadas, caso do brexit, é a reacción lóxica de quen non ten incentivos para continuar embarcado na nave europea. Mal vai a cousa.

Apandar có mal no corpo

Te puede interesar