martes 25.02.2020

Apoloxía da infamia

Infamia é substantivo que indica acción malvada e vil, como xeito de obrar ou mesmo coa palabra. Tamén é situación de quen perde a honra ou a reputación. Esta última acepción conecta coa cultura da Roma antiga na que os seus cidadáns posuían como unha valor patrimonial da máxima importancia a súa consideración de status cívico; e dicir, a honra que ostentaba perante a sociedade en base a súa actuación conforme as boas prácticas e recta costume na que o cumprimento do mandato lega era fundamental. Velaí a perda radical da consideración perante a súa veciñanza, derivada da catalogación do dereito romano no que a sentenza de infamia podería ser por resolucións xurídica na que fose apreciada actuación dolosa ou maquinación de engano fraudulento; e, tamén, mesmo infamia de facto só por ter actuado en contra da moral, do orde político legal e das boas costumes. Conceptos que necesariamente deben ser trasladados na liña de continuidade da historia humana para facer valer o seu significado no mundo de hoxe en día. 

Sen dúbida, o proceso de represión executado polo réxime ditatorial de Franco, planificado e orientado ao exterminio do rival político e ideolóxico, é absolutamente infame. Daquela, a reacción que está a producir, nos parladoiros de opinión montaraz, o anuncio dunha hipotética e futura modificación do Código Penal español no que sexa considerado delito a “apoloxía do franquismo e da ditadura” é signo da insuficiencia que representa a vixente Lei de Memoria Histórica, ou lei pola que se establecía o propósito de “recoñecer e ampliar dereitos a favor das persoas que padeceron persecución ou violencia, por razóns políticas, ideolóxica e incluso por terrorismo de Estado, durante a Guerra Civil e a Ditadura franquista; e promover a súa recuperación moral e a rehabilitación da súa memoria persoal e familiar, para o que se precisa como política pública o fomento dos valores e principios democráticos, facilitando o coñecemento dos feitos e circunstancias durante ese período de violencia represiva”. Verdade, xustiza e reparación moral.

Aquí, continuando as peores prácticas do Imperio Romano, intentouse a “damnatio memoriae”, un plan estratéxico oficial para borrar da memoria colectiva a crueldade inhumana, actuacións nacidas da práctica dun homicidio institucional que constitúe unha indiscutíbel forma de crimes de lesa humanidade que foron amnistiados nun proceso de transición política que consagrou impunidade a favor dos verdugos responsábeis da barbarie.  É tempo de facer xustiza.

Apoloxía da infamia
Comentarios