Aquí aliméntanse as baleas

Sosteñen os entendidos na materia, e razón teñen para asegurar ese criterio, que o fenómeno da reiterada ollada de baleas na beiramar próxima á liña de costa galega é máis froito da difusión masiva que provoca o seu tratamento nas redes sociais que dun feito inédito. Iso é así porque estes dous últimos veráns o seu espallamento público, co tratamento como noticia destacada nos medios de comunicación, foi sobranceiro; e con iso, fixeron do asunto un chanzo para o turismo de embarcacións que saen á procura do encontro con estes mastodónticos mamíferos mariños. Oportunidade medioambiental e, tamén, perigo para a conservacións da especie. Ámbos á vez.
Arredor diso, a Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños, aclara que o litoral galego é zona da paso ou morada de 23 especies de cetáceos, unha cifra que nos sitúa entre os lugares oceánicos coa máis alta taxa de riqueza biolóxica, e caso único dentro das augas continentais. Velaí a presenza, como morada habitual, de arroaces, golfiños comúns e caldeiróns dentro das rías. As baleas albiscadas nos últimos tempos, para alén do corredor que anualmente conduce a súa migración das augas frías do Atlántico Norte, fonte de comida abundante, ás do cálido trópico para aparearse e reproducir; agora están a buscar esa fonte rica que ofrece a comida da costa galega que se incrementou, no ámbito e calidade dos pastos mariños, durante os últimos anos; en boa parte por causa do ciclo climático que altera o período invernal, atrasa a primavera e trae unha explosión de todo tipo de vida mariña perante o verán. Poda que sexa por iso, ou non; abofé. 
Cara e cruz, parte compartida do mesmo problema que amosa o aspecto positivo da riqueza biolóxica dun medio oceánico, vén definida pola problemática dos cetáceos mariños e tartarugas que rematan varados, nunha grande parte por causa da morte producida con anterioridade pola captura accidental no proceso de pesca, sendo moitas veces atrapados nos aparellos e redes de captura que rematan por morrer sen opción a liberarse. Os expertos falan dunha media de 250 casos de media anuais, apenas unha cuarta parte dos que antes morreron atrapados. A interacción humana cos animais é boa, non negativa, porén aquí existe un problema ao que debe presentarse atención; e, moito máis, recursos  de protección das especies en perigo de extinción.
Un asunto, este último, que vai tamén na necesidade dunha actuación dos xestores políticos da Xunta en relación coa imperiosa creación dunha reserva mariña no Parque das Illas Atlánticas que veñen, unha vez máis, de evidenciar o perigo que para o ecosistema dos hábitats catalogados como de interese comunitario e prioritarios, representan as visitas turísticas descontroladas. Urxe. 
 

Aquí aliméntanse as baleas

Te puede interesar