ÁRABE BO, ÁRABE MALO

O  presidente americano, Barack Obama, vén de pedir ao Congreso do seu País que autorice a continuación da intervención militar dos Estados Unidos contra o Estado Islámico, perante unha duración limitada de ata tres anos.  Debate que se dirimirá na cámara de representantes de Washington nos próximos días coa tensión que é de agardar nunha clase política tirada ao monte, porén escarmentada co efecto de inutilidade da presenza directa das súas de tropas no campo xeopolítico do Oriente Medio. As intervencións militares, eufemismo de guerra pura e dura, no Irak e mais en Afganistán son mostra descarada do que a propia Casa Branca vén en considerar, coa auga pasada, “política exterior baseada en parvadas”.
Non lles falta razón. Resultando que na práctica a intervención americana contra do Estado Islámico é xa un feito incuestionable desde fai tempo, esta petición pública de autorización solicitada polo Presidente dos U.S.A., ademais do formalismo legal que así o esixe, responde a unha pose para a galería. Poida que sexa tamén unha xogada de farol a xeito de ameaza para os rebeldes árabes obxecto da represalia. Sen embargo, os guerreiros dese peculiar Estado Islámico non semellan estar moi amedrentados con este xeito de advertencias. A propia comunicación que producen as axencias de intelixencia a respecto dos efectos da acción militar contra destes combatentes singulares, teñen o tufo dunha esaxeración. Fálase de operacións limitadas para eliminar aos líderes do Califato, cirurxía practicada con ese bisturí especial que son os avións non tripulados operados a distancia; e, ao tempo, de ter causado sete mil mortes entre as tropas dese territorio sen lei. As contas non cadran.  A petición mostra que os bombardeos aéreos dos últimos meses non deron o resultado agardado ou que simplemente son insuficientes para frear ao Estado Islámico, pero en ningún caso significa que as tropas terrestres estadounidenses vaian entrar novamente nese árido deserto. Na operación pénsase en efectivos dos países amigos na zona co armamento e a tecnoloxía americana. Porque, para a estratexia da chamada Coalición Internacional, hai árabes bos, e árabes malos. Un papel que pode mudar no tempo. Véxase o caso paradigmático do réxime gobernante en Siria que pasou de ser obxecto dun intento de intervención militar por suposta causa de utilizar armas químicas, a ser, aos poucos meses, un aliado fundamental. Confirmación do refraneiro,  avisando que “outro virá que bo te fará”. Diplomacia mercantil.

ÁRABE BO, ÁRABE MALO

Te puede interesar