Árbores senlleiras

Todas as que están, son; aínda así, non están todas as que son. Trabalinguas popular que fai apelación á causa xusta que ten a ver coa posta en evidencia, froito dunha tese de doutoramento académica publicamente coñecida nos pasados días, amosando á opinión pública a necesidade de modificar o vixente catálogo das árbores senlleiras de Galiza, responsabilidade da Consellería do Medio Ambiente, que cando menos debería incorporar preto a outro medio centenar de exemplares e máis dunha ducia de formacións dignas da consideración de patrimonio natural da comunidade pola súa consideración sobranceira, sexan “árbores ou formacións de calquera especie, tanto autóctona como foránea, situadas en terreos de propiedade pública ou privada, que sexan merecedoras de medidas específicas de protección, en atención ás excepcionais características do seu porte, idade, rareza, significación histórica ou cultural, interese científico, educativo, estético, paisaxísticos ou calquera outra circunstancia que as faga merecedoras dunha especial” preservación e coidado, tal e como sinala o decreto que regulou o citado catálogo tempo atrás, nada menos que preto de tres quinquenios de antigüidade van xa alá.

Árbores e fragas coa raíz asentada nunha terra da que forman parte inseparábel, dotándoa así de identidade propia, de patrimonio medio ambiental e tamén de capacidade de achegar riqueza económica e causa que mova turismo a favor do interese galego.  Elemento simbólico e metafórico que se funde coa dinámica política e institucional que vén de producir un resultado electoral no que a cidadanía acordou empurrar o propio, con énfase especial na potenciación dunha voz nacionalista que dispoña dunha representación parlamentaria, ben sobranceira e relevante,  para xestionar a inmensa canle de votos que agardan por unha alternativa de goberno que conquiste un futuro de xustiza, igualdade e benestar do que son merecentes as clases traballadora, os sectores da mocidade e outros ámbitos colectivos populares que necesitan do seu éxito político e institucional para virar a inxustiza histórica que veñen soportando.

Nesta alegoría, entre o natural e o político, non pode deixarse atrás a referencia ao choque de incompatibilidade que se produce no ámbito ecolóxico coa colisión vital entre as especies autóctonas e as árbores invasoras, potenciadas polo interese mercantil dos poderes económicos coa complicidade dos gobernos de quenda a través dos seus planos de política forestal, que no caso galego teñen como principal inimigo ao eucalipto, cobizado pola contaminante industria da celulosa e do papel, unha especie que pola súa terrorífica capacidade de propagación dos incendios forestais causa, ano tras ano, unha grande catástrofe medio ambiental á que non lle é separábel a perda de vidas humanas e bens materiais como ten sucedido na vaga de lumes dos últimos anos, unha tendencia da que non podemos escapar. Situados nesta etapa do verán galego no que as condicións meteorolóxicas de temperatura, velocidade do vento e nivel de humidade ambiental crean as ocasións multiplicadoras dos incendios, ollemos para o simbolismo político na procura dunha solución de raíz:  Escoller o  propio, arbores senlleiras enraizadas na terra,  para frear a expansión das especies invasoras que buscan colonizar o país. É o camiño certeiro.  

Árbores senlleiras

Te puede interesar