Arca das gacetas feministas

a Saia é un proxecto conxunto do Consello da Cultura Galega, a través do seu Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos, en parcería co histórico Centro da Muller e Literatura, actual ADHUC, da Universidade de Barcelona. A súa andaina ocupa os oito últimos anos baixo o lema construído coa cabeceira da primeira revista feita por un colectivo feminista galego independente. Posto ao servizo do público, de xeito gratuíto a través da rede de internet, constitúe un valioso patrimonio de hemeroteca, de moita utilidade para todas as persoas interesadas nos movementos feministas e LGTBIQ+, na que pode atoparse a versión dixital dunha quincena de diferentes gacetas que representan mais de cento cincuenta exemplares únicos no seu conxunto. 
Agora,vén de agrandar o seu legado coa incorporación dunha nova cabeceira, “Deliberadamente”, folla informativa de activismo feminista que foi título escollido polo colectivo Mulleres Nacionalistas Galegas, especialmente para resaltar a súa proposta,  en clave do interese das mulleres, editada en datas de referencia especial, casos do 8 de marzo ou o 25 de xullo ao que finalmente sumaron tamén o 25 de novembro, perante practicamente unha década de existencia, repartida a partes iguais nos últimos anos dos pasado século e os primeiro do actual milenio. Temática extensa, froito do debate e denuncias do feminismo galego, configurando un ronsel ideolóxico no que o antimilitarismo, a posición contraria ao patriarcado, as diversas formas de violencia contra as mulleres, dereitos reprodutivos, a situación de precariedade laboral, os espazos de independencia e a visión feminista fronte á globalización ou a dinámica europea son parte dos asuntos que esta publicación abordou na relativamente breve, aínda que intensa, etapa da súa experiencia.
Unha ollada ao texto do último número publicado, o que facía o ordinal dezaseis da súa traxectoria, permite ver o continuidade dunha situación na que se denuncia que “as mulleres estamos a vivir unha situación marcada por varios factores; hoxe parécenos importante falar dalgúns deles e lembrar outros. Non deixa de sorprender a visibilidade que se lle dá, desde o medios de comunicación, á violencia de xénero. Da súa cara máis visíbel, porque a violencia non son só as “hostias” que producen lesións ou mortes, ou as agresións sexuais, tamén é psicolóxica que sofren aínda máis mulleres, os asedios no traballo, a desigualdade económica ou o tratamento que recibimos na lingua e na cultura”.  Análise que, mágoa diso, é tempo actual. Certo.
Memoria dunha traxectoria de loita centenaria, a causa das mulleres, que un ano máis encheron as rúas das cidades e vilas galegas con manifestacións, concentracións, foliadas feministas, recitais de poesía, intervención pública o xantares de conviviu, levadas a cabo pola diversidade de colectivos e mulleres a título individual que forman a plataforma Galegas8M, para denunciar a falta de visibilidade política e social para o traballo dos coidados. Mulleres en marcha, facendo historia.

Arca das gacetas feministas

Te puede interesar