Atípica festa dos libros

uga pasada non move muíño; sentenza popular do refraneiro universal que nos tempos de realidade virtual que se viven no mundo actual debe ser peneirada pola reflexión galega de código retranqueiro: Poda ser que si ou poda ser que non, mesmo pode ser todo o contrario. Vai depender do asunto, do interese comercial e da receptividade social coa que dar unha volta ás cousas. Velaquí unha demostración actual na atípica conmemoración do chamado Día Mundial do Libro e do Dereito de Autor que vén celebrándose anualmente cada 23 de Abril baixo a tutela da UNESCO, no último cuarto de século aínda que ten un precedente centenario no ámbito territorial español, nunha data que lembra o pasamento de varios autores de obra e sona universal escrita en diferentes idiomas coa que forneceron  o patrimonio inmaterial de distintas culturas, honrados coa finalidade de “animar a todos, especialmente á mocidade, a coñecer o pracer da lectura e valorar a insubstituíble contribución de aqueles autores e obras literarias ou de ensaio que teñen impulsado o progreso social e cultural da humanidade”. Grande obxectivo que, na data primaveral de referencia pasada, tradicional conmemoración gremial, coa poboación continental europea baixo confinamento por causa da pandemia sanitaria de contaxio vírico, levou a entidade cultural internacional a espallar a seguinte reflexión: “Agora, máis que nunca, debemos aproveitar o poder dos libros para combater o illamento, reforzar a relación entre as persoas e ampliar as nosas fronteiras culturais ao mesmo tempo que estimulamos a nosas mentes e a súa creatividade. Perante todos os días do ano é fundamental ler, en solitario ou coas fillas e fillos. Tempo crucial para celebrar a importancia da lectura, fomentar que nenas e nenos amen os libros  de xeito cotiá e promover a vocación de por vida pola literatura e a súa integración no mundo do traballo”.
Pasou o día e pasou a romaría. Outro refrán que debe ser posto en cuestión. Por iso, este xoves, 23 de Xullo, promóvese unha adiada Festa do Libro, aínda que dun xeito no que a celebración vai por parroquias nas que unhas poñen máis énfase e noutras a cousa pasa sen pena nin gloria, iniciativa das entidades gremiais que representan ao mundo da comercialización dos libros  e das persoas titulares do dereito de autoría,  organizando unha atípica celebración do Día do Libro, co seu ritual de achegamento ao público lector, consumidor do produto cultural en formato impreso, sexa con actos en prazas e rúas das cidades ou no lugar da libraría, “onde todo comeza” segundo o lema escollido para o evento, de xeito que por motivación dunha cativa diminución no prezo ou por razóns de emotividade e sentimento a favor da causa cultural na devoción da xente que mantén aceso un facho que asegura luz e futuro para o universo do libro impreso que debe soportar os avatares dun mundo en transformación que non lle é nada favorábel. 
Mágoa diso.  

Atípica festa dos libros

Te puede interesar