Auga tóxica

Do balbordo derivado da conxuntura política, económica e social que ocupa primeiras páxinas da prensa, sumada á morbosa actualidade inducida por vía artificiosa para negocio editorial; a reflexión obxectivo da xornada considerada Día Mundial da Auga promovida polas institucións das Nacións Unidas pasou sen cubrir as mínimas expectativas de influír sobre a opinión pública; tanto no que atinxe á modificación de condutas individuais como na lícita presión sobre as autoridades e gobernos á hora de impulsar, acordar, executar e fiscalizar políticas correctoras do alarmante panorama que representa a degradación do sistema de auga potábel a nivel planetario. 
Velaí, a humanidade necesita auga. Por iso, a expresión auga que nos fala dun substantivo feminino que entre as diferentes acepcións sinala a ese elemento líquido que chega das nubes en forma de chuvia; e dicir, o coñecido composto formado por hidróxeno e osíxeno que se atopa na natureza en forma de vapor, líquido ou sólido, e que constitúe, aproximadamente, unhas tres cuartas partes en peso da codia terrestre; á vez que é parte relevante dos tecidos de animais e plantas. Así, a auga é un elemento esencial no desenvolvemento sostíbel das comunidades humanas deste mundo singular que é tal cousa, precisamente, por dispoñer de auga. Simbolizado na mínima forma do volume que amosa: Unha gota de auga é flexible, poderosa e imprescindible. 
Máis necesaria que nunca, cos seus atributos naturais que falan do carácter de incolora, inodora e insípida aínda que esta consideración sexa discutíbel. Porque boa parte da poboación non pode acceder a este ben natural nas condicións de potabilidade para o consumo humano. Peor aínda, preto dun millón de persoas morren cada ano por verse forzados a usar auga contaminada. Moitas máis padecen doenzas e patoloxías que fan da súa existencia un calvario en vida. 
Sabemos dos motivos polo que falta auga apta para o consumo: Os recursos de auga doce están sometidos ao múltiple efecto do crecemento demográfico mundial,  ao cambio climático provocado pola neglixencia política, ao aumento exponencial do consumo, como bebida e para usos industriais e agrarios; e a extensión de modos de vida que dilapidan os recursos naturais. Consecuencia diso é que oito de cada dez partes das augas residuais retornan ao sistema hídrico sen ser tratadas nin recicladas. Mudan así nunha fonte que afecta á totalidade da cadea alimentaria que retornará, polo efecto búmerang, aos humanos causantes. É auga tóxica.   

 

 

Auga tóxica

Te puede interesar