Avante pouca na Administración electrónica

Avante pouca, orde de marcha dende a ponte de mando dun navío destinada ao ritmo que debe impulsarse na sala de máquinas da embarcación é perfecta metáfora para cualificar o resultado do proceso de xestión da transformación que formalmente ten declarada como obxectivo o conxunto da Administración pública nos diferentes ámbitos de relación coa cidadanía, sexa estatal, autonómica, local ou de organismos atípicos. Malia enchente de declaracións, compromiso público e regueiros de tinta producidos polos gabinetes de comunicación institucional a respecto das grandes cuestións de futuro nucleadas arredor da Sociedade da Información e dos moitos recursos para proceder á metamorfose dixital dos procesos administrativos na relación coas persoas, os datos que vimos de coñecer sobre a ínfima tramitación positiva de expedientes de solicitude do Ingreso Mínimo Vital saca as cores á nula eficiencia duns sistema que só semella funcionar de xeito óptimo no marco tributario; e dicir, cando se trata de cobrar impostos e taxas e fracasa con estrépito se o asunto é axilizar atención ás familias máis necesitadas de axuda.

Aquí, o grande buraco negro está na operatividade entre as distintas áreas e fundos documentais dos ámbitos da Administración que mesmo chegan a non manter relación entre si na canle de comunicación electrónica de xeito que mesmo para acceder a eles precisamos de chaves de identidade cibernética virtual emitidas por entes que non permiten o uso das outras; en definitiva cada nivel é un mundo illado. Por iso, no documento anual que se emite polo Observatorio das Telecomunicacións e da Sociedade da Información, ONTSI, os indicadores para avaliar o nivel da Administración electrónica non pasan do número de trámites realizados pola internet, a cantidade de descargas de formularios oficiais ou o uso de certificados dixitais e pouco máis de interese para coñecer a verdadeira radiografía dun fallo sen paliativo diante da necesidade de afondar na posta ao servizo público dun sistema de xestión que cobra máxima urxencia precisamente coa emerxencia do confinamento e das medidas de distanciamento social da pandemia sanitaria.

A proba do antedito vese na mensaxe da fantasiosa Carpeta Cidadá: “Estase a traballar para incluír a todas as administracións públicas e aos seus organismos e calquera tipo de expediente. Entre tanto podes acceder á sede electrónica de cada administración e/ou organismo”. No camiño, provedores e consultoras tecnolóxica fixeron o seu agosto co investimento público. Aprema ordenar velocidade “avante toda”.

Avante pouca na Administración electrónica

Te puede interesar