Barómetro da Cultura Galega

arómetro é unha expresión que non só indica ese instrumento que serve para medir a presión atmosférica. Alén diso é unha técnica estatística e sociolóxica que nos permite medir o efecto dunha situación social, económica ou de hábitos de comportamento, na súa evolución no tempo para avaliar a mudanza que os datos indican; e de ser o caso, permitir adoptar políticas correctoras para frear tendencias que sinalen unha necesidade perentoria e urxente. Velaí a importancia capital que pode tirarse do primeiro Barómetro da Cultura Galega, un estudio do Consello de Cultura, o CCG, que revela o forte impacto da pandemia no emprego e nos impactos económicos de negocio do sector cultural deste noso país. Cos resultados informados nos pasados días, a pandemia vírica do Covid-19 no ámbito das empresas culturais galegas amosan unha gravidade sen parangón coa caída de máis da metade dos seus ingresos, a perda de empregos nunha cifras que poden ir en aumento nos próximos meses, e un unha negra perspectiva de futuro próximo na que catro de cada dez contan con ter problemas de liquidez para afrontar pagamento de nóminas, impostos e seguros sociais.  Nesta desfeita, o ámbito máis afectado, en case todos os aspectos, é o das artes escénicas, incluídas as musicais. O verán festeiro galego non fai máis que producir novas de cancelacións, rescisión de contratos e alteracións á vontade municipal de inxectar recursos públicos ao sector. Chove sobre mollado.
Non é o único sector que padece o efecto propagador da pandemia sanitaria que nos afoga. Abofé que non. As queixas de afectados é ben longa e incesante. Moito máis acusada nos ámbitos da industria turística e outras afíns, caso do ocio nocturno e da hostalaría, especialmente polo peso que este ámbito económico ten no produto interior bruto do conxunto estatal, núcleo dunha economía orientada aos servizos que, en boa parte pola vantaxe meteorolóxica e de clima suave, propiciou a extensión deste modelo de negocio en troque de outros no que o desenvolvemento tecnolóxico e industrial tivese moito máis peso no emprego e na economía, aspecto este último que é o que está a dar máis alivio á recuperación económica de outros países do entorno próximo.
Boa ocasión, si, para introducir unha reflexión que leve á remuda das políticas públicas, e para compartir a opinión dun virólogo galego que, a respecto da posibilidade de que este virus poda provocar un cambio na nosa maneira de ver o mundo, afirma que “xa o fixo. Hai moi pouco pensabamos que o centro do mundo eramos nós e este virus foi unha cura de humildade nese senso. Temos que recoñecer que é preciso formular as cousas doutra maneira”. Lembremos que o Renacemento chegou deseguido á Peste Negra. As posteriores tamén produciron cambios, ás veces para ben e outras non tanto. Porén, é unha oportunidade á que non se está dando a resposta que agarda a cidadanía. Tampouco á necesidade do sector cultural galego. Mal camiño.

Barómetro da Cultura Galega

Te puede interesar