O BARÓMETRO DO SAMAÍN

A clásica e inmemorial festa do Samaín, con máis de tres mil anos de antigüidade, está inserida na tradición celta para servir de celebración do seu aninovo. Tránsito entre a estación da luz e a da escuridade que representan os meses do outono tardío e o longo inverno do norte. A dos días máis curtos do ano. Esa base cultural foi transformándose, co paso do tempo, a unha errada interpretación de culto aos mortos.
Finalmente, a cobiza do mundo dos negocios fixo unha adaptación á carta para convertela nunha mercadoría para festexar o ambiente do medo e do terror.
Metáfora desta última versión, medorenta e terrorífica, da efeméride celta, son as enquisas sobre situación política e tendencia de voto futura que a opinión pública española ven de recibir, cunha común mensaxe central: Os partidos centrais do sistema de alternancia no Goberno estatal perden respaldo electoral, e no seu lugar emerxe imparable a ameza dunha opción contraria ao propio sistema.
Balbordo xornalístico con analistas sociolóxicos a pleno rendemento produtivo, en teorías e consellos para evitar que “o país acabe en mans dun populismo” perigoso e friki.  
Alerta vermella. Militares que están a celebrar xuntanzas para avaliar manobras fronte á suposta ameaza inimiga; o poder empresarial que planea operacións de recambio na dirección dos partidos políticos afectados pola desafección cidadá e movementos disidentes con interesadas filtracións á prensa. A río revolto, ganancia de pescadores.  
Nada se di ou propón respecto das causas que provocan o imparable cabreo da xente: Paro, empobrecemento, afogamento tributario, desmantelamento do benestar, deterioro calculado dos servizos públicos e indignación pola corrupción do sistema. E clara involución nos dereitos democráticos e laborais. Non. Ás razóns que importan non se dá resposta ou alternativa.
Todo o contrario. Así, Rajoy, ven de advertir de que non se vai sumar “a esas cousas que ás veces pasan no noso país, onde ninguén sabe exactamente por que temos que castigarnos de xeito inmisericorde”. Algo terá que ver á súa xestión contraria ás maiorías sociais que anuncian pasar factura.  Aínda así, non é o que semella ser. O labor de cociña que está detrás das enquisas busca o efecto reacción entre os fieis díscolos da parroquia. O medo como fórmula. Tocar arrebato para salvar da queima. Velaí o obxectivo deste barómetro do Samaín.

O BARÓMETRO DO SAMAÍN

Te puede interesar