Bibliografía sobre emigración galega

o ámbito das institucións culturais e de memoria social que de xeito tan eficiente como moitas veces con certa invisibilidade popular, o Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse, dende diversos enfoques con vocación de pluralidade e técnica de estudo na se conxugan variadas disciplinas de traballo, ao fenómeno da emigración galega. Así, no marco do Consello da Cultura Galega, coa pertinente achega de colaboración institucional da Secretaría Xeral da Emigración, vén de publicarse a xeito de reedición facsimilar o “Estudio sobre emigración”, do pontevedrés Eduardo Vicenti, libro que reproduce a súa versión de 1908, obra dunha imprenta madrileña que o subtitulou como “Guías especiais do emigrante español en América e Arxelia”, un texto “innovador no formato e atípico no seu contexto que ofrecía informacións precisas e útiles para orientar aos que xa decidiran marchar”, desde as condicións da viaxe ata as leis dos países de acollida, pasando polas casas consignatarias ou as compañías existentes para facer os traxectos que comezaban nos peiraos de Vilagarcía de Arousa, A Coruña ou en Vigo, para facer unha singradura de sorte incerta.  
Este libro inclúese dentro da colección Clásicos da Emigración, rótulo coa que se pretende “ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron como para os que viron marchar”.  Conta xa cunha ducia de títulos de diferentes xéneros, gratuítos na súa versión de lectura ou descarga na web da institución cultural, á procura de reunir para o público interesado, académico ou simple lector común, “distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galiza a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos da década do sesenta, aproximadamente”. 
Este “Estudio sobre emigración”, descontado o limiar das persoas que representas ás entidades promotoras, vai precedido dun extenso traballo de Raúl Soutelo, da Universidade de Santiago, no que aborda a figura do histórico autor,”Eduardo Vicenti, un publicista a prol da emigración”, ensaio que afonda nas características e consecuencias da migración, expresión esta que hoxe en día goza de moda nos medios de comunicación, porén que no caso galego é lembranza da unilateral traxedia do éxodo emigratorio forzado pola inxustiza estrutural no sistema de oportunidade no reparto do traballo asalariado e das rendas que levou, en sucesivas vagas masivas, a procurarse un medio de vida persoal e de futuro familiar fóra do noso país. Mágoa que aínda non teña rematado, todo o contrario continúa por máis que agora sexa un xeito de emigración con características propias do mundo tecnolóxico que sen embargo sacude especialmente, como foi antes, ás xeracións mozas; probabelmente a xente mellor cualificada de todos os tempos. Pena.

Bibliografía sobre emigración galega

Te puede interesar