Brincadeira cultural na casa

Neste estado de alarma que limita o movemento da xente, provocando que fiquemos na casa para mellor combater a epidemia deste miserábel e teimoso virus, unha pandemia que fará historia, resulta máis necesario que nunca manter o cerebro esperto, en plena tensión e funcionamento activo, distraerse e afastarse de pensamentos intrusivos e deprimentes. Facer caso ao consello dos entendidos nesta situación de emerxencia social, con especial atención á recomendación das e dos profesionais da psicoloxía, para acatar o confinamento que piden as autoridades sanitarias, e por extensión os gobernos, sen sacrificar a nosa saúde mental polo camiño.  A palabra de orden do “fico na casa” , un lema ben acaído, deixou de ser unha suxestión certeira para converterse nunha urxencia sanitaria e unha necesidade civil para toda a veciñanza. Este confinamento, no entanto, non ten por que significar unha paréntese tan restritiva ou limitadora que non permita facer proveito delas para tirar proveito da nosa vida cultural. Abofé que non. Todo o contrario.

Coa extensión da tecnoloxía que fai uso das canles comunicación pola rede de internet, sumada á solidariedade e altruísmo de moitas persoas e colectivos, esa sensación de incomodidade que expresamos as persoas deste país cando damos resposta á pregunta de cómo estamos ou andamos, dicindo “por un lado xa ves e por outro que queres que diga”, nesta ocasión torna na versión posibilista porque fronte ao medo a pasar illados dúas semanas, ou máis, na casa, a cultura galega oferta propostas orixinas e diversas que teñen lugar, fundamentalmente, a través das redes socias e multiplican as opcións que cada día xa podemos aproveitar pola vía da relación telemática con institucións, entidades e fontes de saber que se nos abren, de xeito gratuíto, un mundo que se adiviña infinito de posibilidades ata o extremo de considerar un “malo será” que non podamos atopar, pescudando na rede, moitas alternativas para o lecer e o enriquecemento cultural, ou didáctico e pedagóxico, incluída a información xornalística a domicilio.

Bibliotecas virtuais, en lingua galega e noutros idiomas, que poñen ao noso dispor unha extenso catálogo de libros actuais, tamén os históricos cos dereitos de autor extintos; novas canles para ver cinema actual na web “novocinemagalego”, concertos a través das redes de relación entre persoas, entre elas a proposta de Músicas no Sofá ou Son da Casa, una visita demorada e sen horarios ou quendas de acceso limitado a multitude de museos para botar outra ollada ás grandes pinacotecas; e, nunha longa relación de casos a ver, festa compartida coa “Foliada na cociña”.

Días de reclusión que é oportunidade para o saber  académico nos cursos universitarios abertos, MOOC, e no manancial sen fondo dos que navegan polas modernas canles tecnolóxicas e do coñecemento.  Mesmo para coñecer mundo e lugares turísticos sen moverse do cuarto de durmir. Tempo de confinamento, de responsabilidade e de alternativas culturais para non perder.

Brincadeira cultural na casa

Te puede interesar