A brincadeira dunha enigma artística

andarse con vista fronte á información, que semella ser unha cousa e detrás dela pode haber interese ou cálculo de andar ás agachadas, é un labor de exercicio permanente nos tempos que corren polo mundo da comunicación. Un “ollo ao piollo” que é máis necesario aínda cando detrás dunha brincadeira, que pasa con moito de provocación para achegarse ao dano perverso e lesivo, se trata. Velaí o caso desa marca artística que coñecemos por Banksy, toda unha enigmática sinatura que vén de provocar a destrución dunha das súas obras, unha vez foi subhastada por unha afamada casa dedicada a esta función na capital británica, adxudicada nunha cifra resultante que finalmente superou en moito o millón de euros, por medio dun aparello que ía dentro do marco no que se agochaba unha máquina trituradora que esmendrellou o lenzo facendo del tiriñas que agora aínda poden acadar un valor que non baixará do duplo anterior. Toleando ao sentidiño. 
Un misterio que nace na mesma condición do tal Banksy, sen saber moi ben se tratamos de persoa individual detrás dun pseudónimo, grupo colectivo arredor dunha sinatura artística, operación de técnica de mercado para potenciar unha marca comercial do mundo da plástica ou rabo de gaita que xoga co noso interese por unha manifestación que, para alén do antes dito, representa vangarda artística dos tempos actuais expresada, basicamente, a través da pintada de murais na rúa con pezas satíricas sobre política, cultura pop, moralidade, culturas étnicas e varias temáticas de tipo social en liña con outras experiencias, con menor sona, que antecederon esta técnica noutras cidades do planeta. Con presenza en territorios escollidos e tempos calculados.
Por iso, cobízase a descuberta de quen realmente está detrás da obra. O balbordo creado no caso da obra destruída a si propia incrementa o interese, porén a cousa cada vez é máis intrigante. Así, para algún medio trátase do promotor da banda musical Massive Attack, persoeiro que certamente encaixaría no imaxinario do artista, para esta asociación tómase a referencia das aparicións de “graffitis” asinados pola marca artística en cidades onde coincidiron con actuacións do grupo; tamén, de xeito recorrente, súmase esta sinatura artística e outra célebre personalidade de Bristol, cidade do sueste inglés, nacemento da pegada pública de Banksy. Xogo ao enredo. 
Enigma aparte, Banksy coloca obra súa en célebres museos internacionais pola porta do asalto; e dicir, entra e deixa pendurada alí. Un xeito, con certeza, de convidar á xente que goza da súa obra nos espazos urbanos para que teñan a ben visitar bos lugares artísticos, caso do Centro Galego de Arte Contemporánea que está a conmemorar o seu cuarto de século de boa xestión cultural.

A brincadeira dunha enigma artística

Te puede interesar