Brinquedos no faiado

Vén de saír do prelo editorial unha obriña que é un pequeno tesouro de antropoloxía cultural, centrada no estudo local dun modelo de brinquedo que marcou unha manchea xeracións infantís: o xogo da buxaina ao que popularmente chamamos “trompo” ou peón. Velaquí, “Trucalperde” (Trompos ao camiño), de Pepe Prego Carregal, mágoa do seu falecemento antes de ver luz este libro; e de Carlos Rey Cebral, en coidado deseño de O Faiado da Memoria que inclúe esta publicación na súa serie Tradicións; mérito tamén do patrocinio de Ramiro Carregal que, para alén do abuso nunha tipografía de mínimos pensada para aforrar en uso de papel impreso, certamente representa un estudo único e de impagábel achega á socioloxía da vida cotiá.
Cada vez cobra máis interese o coñecemento dese aspecto do patrimonio inmaterial que representa a nosa expresión cultural máis próxima; entendendo ese termo de cultura como xeito ou forma de actuar dun colectivo humano nun espazo de lugar e tempo concretos. Velaí a contribución do estudo mencionado á literatura do xogo popular e tradicional. Un xeito lúdico que estivo na esencia dos hábitos e costumes locais, e aínda está malia invasión de aparellos, mecanismos cibernéticos e cobiza mercantil das grandes industrias que fan caixa en base a un proceso despersonalizado construído sobre programas de suposta base universal e cosmopolita. 
É por iso que no xogo tradicional existe unha riqueza que permite incluír tantas variacións e peculiaridade como regras adaptadas aos xeitos máis inmediatos do lugar e mesmo do grupo. Unha liberdade de interpretación, flexibilidade de adaptación e variación do modelo que é símbolo da pegada cultural que se insire na satisfacción das necesidades xurdidas en cada colectivo, porque os xogos populares forman parte esencial da comunidade en cuestión como creación propia e diferenciada; dotándoa, tamén así, da súa personalidade distintiva. Sen esquecer o papel do xogo como parte transcendente da pedagoxía educativa, e de transmisión dos valores.
Todo iso, e moito máis, vai na alforxa deste traballo de pescuda que Barreiro Ínsua, de Brinquedia, a Rede Galega de Xogo Tradicional, considera “estamos diante dunha obra que nace do corazón. Megullarse nas súas páxinas é como unha viaxe á infancia, á patria. É un continuar polas pegadas que outros fixeron antes e que a nós nos trocaron en herdanza”. Indagar no rico patrimonio lúdico do noso país, espertalo do seu aparente letargo, tratalo co mimo que se merece, poñelo nas nosas mans, para goce e aproveitamento, é tarefa reservada para persoas que aman o seu. 
Veña, pois, preto do San Martiño, lancemos estes “trompos ao camiño”; boa maneira de facer un agasallo coa seguridade de acertar; antes de que por San Amaro, os “trompos vaian ao faiado”. 

Brinquedos no faiado

Te puede interesar