Cadaleitos e mortallas na cultura antropolóxica galega

llando para o tratamento informativo dado polos medios de prensa, foráneos á realidade galega, especialmente os audiovisuais coas televisións á cabeza, cada vez máis interesados no fenómeno que representa o fervor relixioso ou a espiritualidade inherente ás romaxes singulares do tipo da recente Procesión dos Cadaleitos, en Santa Marta de Ribarteme, debemos considerar que esa imaxe a xeito de clixé proxectada sobre nós, os galegos, como “xente rara” é o menos malo da súa cualificación. Non nos entende, non. Moito menos a respecto da consideración antropolóxica do que representa o mundo da morte, as ánimas e os defuntos na cultura deste país. Para eles, a tradición ancestral conservada no cortexo dos cadaleitos, en terras do Condado, ou o da procesión das mortallas nas festas do Nazareno da Pobra do Caramiñal non pasan de anomalías excéntricas  e insólitas de habitantes ancorados nos séculos escuros do medievo histórico.
Se non se asume a naturalidade como se afronta o proceso inevitábel da morte nos ámbitos da sociedade galega, especialmente no mundo rural, nunca se verá como fenómeno de cultura social o feito de contemplar o desfile de varios cadaleitos descubertos con persoas que van dentro deles, no caso da localidade pontevedresa ou detrás deles, por ir pechados, caso da vila coruñesa. Aínda máis, co ritual que representa o encabezamento da comitiva abandeirado polo Pendón do Reino de Galiza, seguido por outros símbolos, pezas relixiosas e imaxes de santos que suman banda de música, oficiantes relixiosos, autoridades civís e policiais e, loxicamente, os ofrecidos dentro do correspondente ataúde que non deixan de cubrirse con paraugas, sombreiro e mesmo ventilador portátil para soportar mellor a calor reinante. Comodidade e devoción á par que non son incompatíbeis, abofé que non; desfilando con hábitos de cor morada ou branca no cortexo.
O rigor e seriedade dunha romaría non só abrangue os ritos espirituais e relixiosos; tamén atende ás outras necesidades máis elementais das persoas, especialmente aos alimentos corporais. Por iso, para xente allea á nosa realidade, non resulta moi entendíbel ver que se baixe dun cadaleito para sentar á mesa de xantar para comer ese lote típico de toda festa campestre: Polbo ao xeito da feira, carne ao caldeiro e doce caseiro co seu acompañamento de pan, cachelos e viño. Son de gaiteiros e, rematada a confraternidade do mantel, verbena con afamadas orquestras de moda.
Porque, en todo enterro, unha vez metido o finado no sartego cobran razón os versos do poeta: “O defunto vai na igrexa, / a muller queda apenada, / vamos bebendo e comendo,/ con chorar non se fai nada”. Con todo, as diferentes actitudes ante a morte responden ás diversas opcións relixiosas e de filosofía de vida de cada quen, pero tamén ao contexto social da súa pertenza. Por iso, estas manifestacións, resistentes ao paso do tempo, son patrimonio galego de cultura popular.

Cadaleitos e mortallas na cultura antropolóxica galega

Te puede interesar