Camiñar polo mundo con identidade

Unha xornada científica organizada polo Consello da Cultura Galega vén de analizar cal é a presenza da lingua galega e doutras lingua minoritarias no comercio e na industria, sinalada pola proposta de “Etiqueta na túa lingua, camiña polo mundo con identidade”, título que fixa un dos obxectivos procurados con este encontro. A data escollida é ben simbólica, o 26 de setembro no que se conmemora o Día Europeo das Linguas. Por iso, á cita compostelá sumouse a programada pola Deputación da Coruña en parcería coa Mesa pola Normalización Lingüística que escolleron un teatro da cidade herculina para proxectar o documental Tosta; unha das realizacións prácticas, dentro dun proxecto de sete territorios atlánticos con lingua propia, para axentes culturais que queren promover prácticas respectuosas cara as linguas minoritaria no ámbito internacional.
Polo que atinxe ao primeiro dos eventos, é necesario lembrar o criterio amosado polo Foro Enrique Peinador, xunto ao IRGADE, dunha potente campaña a prol da etiquetaxe en galego; porque “o sector agroalimentario galego ten demostrado estar ao máis alto nivel da calidade e seguridade alimentaria dos produtos que se ofrecen no mercado, podendo competir de igual a igual con calquera outro país. Neste compromiso coa calidade, ten feito unha aposta decidida polo aproveitamento sostible de recursos naturais e pola recuperación de especies, razas e variedades tradicionais adaptadas ao noso hábitat, que permiten dar aos nosos produtos e ás nosas elaboracións unha personalidade propia, ligada ao noso clima e territorio, polo tanto inimitable. Como garantía de orixe e singularidade, moitas das nosas explotacións agrarias, pequenos negocios artesanais e distintas industrial elaboradoras e transformadoras teñen dado un paso máis, etiquetando os seus produtos en galego. Tamén algunhas empresas de comercialización e distribución optaron por rotular os seus negocios e facer as súas campañas de publicidade en galego”.  O idioma outorga personalidade, é un valor diferencial intanxíbel engadido á marca.
Porén, “as etiquetas dos produtos son un indicador clave para coñecermos o grao de normalización dunha lingua e, no caso do galego, aínda resulta máis determinante, xa que a penetración do idioma na industria e na empresa sempre foi un dos grandes déficits da lingua”, reflexión dos organizadores da convocatoria do Consello da Cultura que suma xustificación á necesidade de aprobar, polo Parlamento Galego, a Iniciativa Lexislativa Popular, Sentido Común, “polos dereitos lingüísticas no ámbito socioeconómico” impulsada pola Mesa que anda xa preto a trinta mil sinaturas e acadando cada día máis apoios individuais e colectivos. Atinada e necesaria para que os nosos produtos comerciais camiñen polo mundo adiante con identidade galega. 
 

Camiñar polo mundo con identidade

Te puede interesar