Camiños de sintonía entre culturas

A celebración do próximo Xacobeo xa pode albiscarse no horizonte coa incerteza sobre a súa celebración festiva, aínda que non polo que atinxe á milenaria tradición de orixe medieval que a consagrou como unha peregrinación fundamentada no simbolismo dunha viaxe que se realizaba  co obxectivo de visitar un lugar onde, quen alí ía no percorrido a pé, cría que se manifestaba un poder alén do natural que, para a metafísica do cristianismo, sumaba o mito de atracción dun lugar afastado coa camiñada en solitario para reproducir a vida interior contemplativa eremítica. Deste xeito, Compostela, xuntamente con Roma e Xerusalén conformaron os lugares de referencia, no primeiro nivel de movemento de xentes, das rotas de peregrinación no occidente.

O Camiño de Santiago é na actualidade un fluír de viaxeiros que emprenden unha empresa cultural, espiritual, relixiosa, deportiva ou por diversión pero en ningún caso exenta de aprendizaxe e adquisición de novas experiencias persoais, e mesmo vitais. Este coñecemento derivado non se basea en formulas académicas ríxidas senón que xurde da paisaxe observada, da arquitectura ollada nas rutas, no diálogo e convivencia cos costumes e xeito de ser das persoas coas que se relaciona o camiñante e do diálogo entre os diferentes modos de ser e pensar que se van vivindo, factores todos eles que cargan a alforxa do peregrino de riqueza para alén do percorrido físico. Beneficio para o romeiro e tamén para lugares e comunidades polos que se intercambia a cultura.

Vieiros de comunicación que contribuíron a canalizar experiencias, saberes e ciencia; e, como non podía ser doutro xeito, comercio. Velaí a Ruta da Seda, predecesora do Camiño a Compostela que configurou, na outra órbita do oriente planetario, un extenso enxame de vías polas que se traía a prezada roupa de seda aos territorios da dominante clase romana que exhibía fachenda de poder no uso dunhas prendas de luxo obsceno naqueles tempos. Co seu precedente na Ruta do Xade, a China actual promove a infraestrutura dunha Ponte Terrestre Euroasiática, alternativa rápida para o transporte mercantil fronte a lentitude do medio mariño utilizado nos últimos séculos, popularmente coñecida como a Nova Ruta da Seda que é tamén unha metáfora do interese por incrementar a relación de todo tipo coas empresas, institucións e gobernos do ámbito europeo. Mutua e magnífica oportunidade de unir forzas conformando unha relación no diplomático, económico, científico e tecnolóxico que facilite un mellor equilibrio diante do dominio americano.

Para iso, no ámbito da iniciativa de base académica canalizada polo IGADI, vense forxando o proxecto ”O Xacobeo 2021 e a Ruta da Seda: Camiños para o diálogo Oriente-Occidente” tentando casar unha cobizada política pública de acción exterior galega coa Axenda 2030 das Nacións Unidas e transversalmente cos 17 Obxectivos de Desenvolvemento, nomeadamente cos denominados “Paz, xustiza e institucións sólidas” e “construír alianzas internacionais”. Bo camiño.

Camiños de sintonía entre culturas

Te puede interesar