Cando a morte peta na porta

Semella que Xabier P. DoCampo mudou para alén deste mundo coñecido. Mais no é de todo certo, aínda fica entre nós, “cun ollo aberto e outro sen cerrar”, ancorado na memoria colectiva da causa nacional galega na que militou a porfía arando no rego ata o último suspiro, sen parar na faena, resistindo ata o límite á chamada da parca, cruel e inxusta, que facía algún tempo petara xa na súa porta. Queda entre nós a súa maxistral obra de creación literaria e, por riba diso se cabe aínda máis, a súa conduta de persoa exemplar. A súa ética, a súa didáctica e a súa xenerosidade.
Dicir del que “foi un mestre, escritor, contador de contos, actor de teatro, columnista, autor de guións e promotor da lingua e a cultura galega, ademais de animador á lectura ou experto en bibliotecas escolares” é, por máis que todo iso represente unha biografía inmensa, insuficiente para abordar a súa figura humana, literaria e cultural. Certo é que foi mestre en varios centros educativos, pioneiro daquel mítico “Preescolar na Casa” que achegou a docencia ao afastado mundo rural galego, privado doutra posibilidade nos primeiros anos do ensino infantil.  Innovador na didáctica e activista nos movementos galegos de renovación pedagóxica, con foco na Revista Galega de Educación; trasladou experiencia aos seus colegas en cursos, congresos e simposios, con acento na importancia da lectura e a súa implantación escolar e social; tamén sobre a narración oral e a súa utilidade. E foi autor de textos en materias curriculares da educación básica.
Francisco Xabier Puente Docampo, así anotado no rexistro civil do Concello de Rábade no que naceu, con certeza absoluta será conmemorado nalgún próximo Día das Letras Galegas, iso si precisarase non menos de dez anos para ese acontecemento de non mudar o criterio dos académicos da RAG, e daquela botarase ollo á extensa obra literaria que vai desde “O misterio das badaladas”, ata “A nena do abrigo de astracán”; pasando pola laureada “Cando petan na porta pola noite”; sen esquecer “Bolboretas”, “O libro das viaxes imaxinarias”, “A illa de todas as illas” e as outras preto de cincuenta que conforman un dos catálogos literarios máis numerosos de entre os escritores do país que configuran a que un intelixente editor considera “xeración de Ramón Lamote”, grupo insuperábel na promoción da Literatura Infantil e Xuvenil galega. 
Paco Docampo, así coñecido polos seus primeiros alumnos, foi merecedor de premios e recoñecementos, incluído algún de ámbito internacional, en máis dunha ducia de ocasións; porén lembraremos del a súa condición de persoa íntegra, a dun ser humanos cabal, solidario e bondadoso, dono dun criterio propio, insubornábel e comprensivo. Eternamente entre nós. Abofé. 

Cando a morte peta na porta

Te puede interesar