Cantarte hei, Rosalía

axente galega sensíbel á causa do compromiso social, á da cultura democrática e á dos valores da solidariedade a favor das persoas máis desfavorecidas ou dos pobos privados do seu dereito á dignidade do exercicio da soberanía sobre o seu idioma, a identidade colectiva e o exercicio da súa propia política emancipadora, teñen en Rosalía de Castro un símbolo que cobra cada vez máis forza á hora de facer da súa data de nacemento, o 24 de Febreiro, unha ocasión para a difusión da súa obra marcada a ferro pola denuncia do espolio, das violacións, da inxustiza social, dos desafiuzamentos, do abuso laboral e do éxodo migratorio forzado pola pobreza imposta. 
Velaí o chamado da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega, un manifesto redactado pola académica Ana Romaní, símbolo do mítico programa Diario Cultural da Radio Galega, arbitrariamente cancelado; enlazando a través dos poemas da autora a denuncia social realizada por Rosalía no século XIX coas problemáticas existentes no século XXI: “Escrito en medio de todos os desterros/ Manifesta que sabe que non a escoitan/ Do meu dor sen igual e a miña afronta traidora se mofaban. Prende o computador, algún dispositivo. Ladran/ Manifesta que o poema é o lugar onde a voz afía a sombra/ Indóciles nos camiños desertos eses versos/ Cantos de independencia e liberdade. Manifesto/Acción que se inunda e anega. Cantarte hei”.
Colle pulo o Día de Rosalía que vai camiño do decenio, coa participación institucional activa de tres das deputacións galegas e de medio cento de concellos aos que sumar a máis importante acción divulgativa de centros educativos, caso sobranceiro do vilagarciá Instituto Castro Alobre coa proposta das bolsas de compra que poden encartarse, deseño do seu alumnado baixo a coordinación da Equipa de Normalización Lingüística; e da Biblioteca Municipal que leva o nome da autora de “Follas novas”, coa súa exposición tradicional e animación sobre a figura celebrada. 
Aínda máis, lembrando a expresión no leito de morte, “abride a fiestra que quero ver o mar”, memoria do tempo de esperanza que a enferma Rosalía pasou en Carril, días antes do seu pasamento; unha palestra de mulleres nacionalistas reflexionará no Gato Negro este próximo sábado sobre a condición de precursora do movemento feminista galego que tamén representa Rosalía de Castro; bandeira dese imparábel movemento que chama á próxima folga de mulleres.
Pola súa banda, a Fundación consagrada á preservar o legado da poetisa na Casa da Matanza, opta por un ton máis festeiro co convite á degustación dun “caldo de gloria”, asociado á referencia do poema “Miña casiña, meu lar”; e, tamén, á macro Alborada que interpretaran grupos da Asociación de Gaiteiros. Sumémonos nós á efeméride agasallando “un libro e unha flor”.  

Cantarte hei, Rosalía

Te puede interesar