A carballeira das letras

Estamos no ano 60 antes de Cristo. Toda a Galia está ocupada polos romanos… Toda?. Non!. Unha aldea poboada por irredutibles galos resiste, aínda e como sempre, ao invasor”. Esta cita á mítica figura literaria de Astérix, o Galo, podería valer tamén para situar o papel das aldeas galegas na resistencia idiomática e cultural fronte á colonización lingüística que se desencadeou naquel episodio histórico que simplificamos na expresión da “castración e doma” a respecto da nosa personalidade histórica diferenciada; e, tamén, para situar a defensa dos valores patrimoniais de carácter inmaterial na “longa noite de pedra” da ditadura franquista. Por iso, o acto programado pola Real Academia Galega para honrar a memoria de Antón Fraguas o próximo 17 de maio, na solemne sesión do Día das Letras Galegas, colle un valor simbólico ao celebrarse na Carballeira de Famelga, ao pé da escola onde estudou este persoeiro galeguista que é unha das bandeiras representativas da forxa de militantes que saíron do mundo rural para facer país de seu.

Antón, o da aldea, viviu forzado no “exilio interior” após a súa activa participación política no movemento que ilusionou á mocidade galeguista, dende o seu compromiso co idioma e coa cultura propia de nós, nas primeiras achegas ao estudio de base antropolóxica que coordinou no Seminario de Estudos Galegos, institución nacida coa vocación de dotar a nosa cultura popular de proxección académica e rigor intelectual, na activa participación a prol do obxectivo de acadar autonomía política perante a breve etapa republicana e na experiencia do uso das novas canles radiofónicas ao servizo da causa; todo iso e máis aínda co modelo pedagóxico desenvolvido na súa faciana como docente do ensino secundario fixo del unha vítima máis da represión que, aínda respectando a súa vida, privouno da fonte de ingresos económicos e da consideración oficial.

Fraguas non perdeu a dignidade no calvario da aldraxe soportada. Non, todo o contrario. Fixo valer o empuxe do neno de aldea e, para alén de residir en vilas e cidades, foi creando una potente rede de persoas amigas e colaboradoras para construír novas ferramentas e institucións que deran continuidade ao labor do SEG e, ao tempo, elaborar un extensísimo repertorio froito do seu traballo exclusivo co que se dotou dun poderoso “corpus” ao estudo antropolóxico de costumes, vivencias e valores culturais do universo das aldeas, e por extensión do conxunto do territorio galego. Non debe estrañar que o seu discurso de ingreso na Academia falase das “coplas que se cantaban nas ruadas de Loureiro de Cotobade”, roseiras e paxariños nas cantigas dun serán. O actual Museo do Pobo Galego é resultado lóxico desa teima no obxectivo buscado. 

Antón Fraguas súmase dende a súa aldea vital ás reivindicacións que, nesta data senlleira da cultura galega, reclaman “liberdade, igualdade e xustiza” para idioma que nos dá identidade.

A carballeira das letras

Te puede interesar