Casarío ermo

Aninovo é sinónimo de inventario, diso que chamamos “operación consistente na enumeración en detalle e con precisión dos bens materiais de que dispón alguén”, mais tamén de facelo no senso previsor do que vai resultar positivo ou negativo na perspectiva do noso futuro persoal a respecto do peculio monetario. E velaí a crúa panorama da suba nos prezos dos bens de consumo básico que se anuncian a manchea sen que o incremento salarial, alén da propaganda orquestrada arredor do aumento no salario mínimo interprofesional, compense o que se nos vai marchar polo sumidoiro da avaricia mercantil. Nalgún dos casos, mesmo ao desafío do eticamente lícito. 
Nisto último, a empresa concesionaria da Autoestrada do Atlántico é, sen dúbida, un dos casos máis salientábeis ata o punto de facer bo o último dos desexos enumerados nunha tira cómica do artista gráfico Luis Davila quen, entre os propósitos retranqueiros para o ano que comeza, sitúa na lista a intención de “arrasar cun bulldozer as peaxes da AP-9”; cousa que,  ironía aparte e sempre no sentido da metáfora debida,  é ben seguro que comparte a totalidade das persoas que a cotío fan uso desta vía de comunicación estratéxica no país, das máis caras no ámbito estatal. 
Porén, entre índices, porcentaxes e outras magnitudes estatísticas do balance comparativo da evolución de prezos, cifras económicas e variables demográficas con imparábel tendencia negativa, apenas pode repararse no dato referido ao abandono continuo do territorio rural. Éxodo sen fin que deixa casaríos ermos de presenza humana; e coa ausencia das persoas vai tamén a facenda de boa parte da fauna que acompaña á xente do campo. É mostra dun devalar demográfico que leva a concentración da poboación nos núcleos urbanos, apenas un dous por cento da superficie galega, consecuencia das mudanzas sociais, laborais e de falta de políticas axeitadas para equilibrar a densidade do territorio. Por causa diso, e doutros aspectos colaterais, na actualidade existen máis de dous mil núcleos de poboación deshabitados, cun ritmo de crecemento que suma preto de cen máis cada ano que pasa. Páramos sen vida. 
As dez mil hectárias en polígonos agrarios que anuncian os responsábeis institucionais da agricultura galega para facer máis rendíbel a industria labrega e aínda menos a brincadeira da actriz americana Gwyneth Paltrow aconsellando agasallar, polo Nadal, “toda unha aldea abandonada en Lugo” en nada mudarán a tráxica visión demográfica dun casarío ermo. Mágoa. 

Casarío ermo

Te puede interesar