O caudal inesgotábel da cultura popular

A sensibilidade social fixo que, nese peculiar concurso para escoller a palabra do ano que promoven as diferentes academias da lingua ou relevantes empresas editoras, no caso galego se optase por “deseucaliptización” que aínda non figura integrada no Dicionario da RAG; porén o vocábulo gañador, co que se reflicte un aspecto sobranceiro na inquedanza cidadá pola xestión do monte e mesmo na mobilización activa do ecoloxismo responsábel, superou á voz “feminismo”, a segunda máis popular de entre unha media ducia de finalistas todas elas relacionadas coa carga informativa de acontecementos actuais, neste último caso símbolo dun ano cheo de reivindicacións mundiais esixindo a fin da desigualdade por motivos de xénero. Aínda máis, no fronteirizo ámbito portugués optouse por servizos á comunidade: Enfermeiro e profesor. 

As devanditas profesións mantiveron perante varios meses do pasado ano un conflito laboral na procura de mellorar a súa situación de emprego, para si propios e a favor da xente beneficiada do seu traballo, sintonía que agora deu no seu recoñecemento e aprobación coa votación popular. Esta sensibilidade tamén se manifestou no caso do idioma castelá que, na votación promovida pola Fundéu BBVA, optou pola expresión “microplástico”, termo que designa aos pequenos fragmentos de plástico que se teñen amosado coma unha das principais ameazas para o medio ambiente e a saúde humana. Achega popular á causa das palabras de actualidade sobranceira. 

Polo que atinxe á cultura galega, as letras de aninovo miran xa para a celebración dun período marcado pola consideración e lembranza da figura de Antón Fraguas, académico galeguista que deixou unha rica herdade co seu legado intelectual e moral, destinado e orientado ao coñecemento, difusión e desenvolvemento dos trazos e contidos da cultura popular do país que se condensan na creación do Museo do Pobo Galego, unha entidade que conserva a memoria do patrimonio etnográfico patrio, estación de destino dunha longa vida de servizo á causa do estudo das tradicións, do territorio e do folclore, ben entendido, co que se manifesta a nosa xente do común. Obra extensísima que se expresa nunha manchea de publicacións que abranguen dende a súa militancia nas Irmandades da Fala, pasando pola participación no Seminario de Estudos Galegos, continuando no Instituto Padre Sarmiento, na Real Academia Galega, no Consello da Cultural, na dinamización de museos e no ensino medio, entre outras facetas da súa andaina. 

Fica por diante un tempo de significación e proveito; en opinión do Presidente da RAG, de “utilidade pedagóxica neste caso. Alén de aspectos certamente exemplares da súa biografía, alén da súa crónica vital, construída dende a coherencia e a lealdade ao seu país”, Fraguas, “abre para todos nós a explicación profunda da nosa identidade: o tesouro inmenso da cultura popular”.

O caudal inesgotábel da cultura popular

Te puede interesar