O CLIMA DE EUROPA

Este domingo, as persoas sensibles á degradación acelerada do medio ambiente natural atoparanse nas marchas contra o Cambio Climático que percorrerán as rúas de varias cidades en moitos países, para poñer sobre a mesa a urxencia por reaccionar contra este fenómeno A data escolleita non é algo casual. Faise apenas dous días antes dunha importante cimeira climática da ONU, que agarda a participación de máis dun cento máximos mandatarios dos Estados membros.
O mesmo Secretario Xeral da organización ven de manifestar que “o noso único recurso é tomar medidas agora. Non calquera acción, senón medidas apropiadas e atinadas.Receitas precisas que se teñen que impoñer xa”. Pide compromisos inmediatos para frear o incremento da temperatura, deixar a grande parte das reservas de combustibles fósiles sen extraer, frear a carreira polo petróleo, potenciar as enerxías renovables, reducir os transportes e fomentar o consumo de produtos das agriculturas locais.  No papel escrito, o asunto pinta ben. A práctica vai por outro lado. Véxase o caso paradigmático do continente próximo. Ata hai pouco a Unión Europea podía presumir de potencia ambiental que, de portas dentro, dotouse dunhas normas protectoras bastante avanzadas nalgúns campos. Aí  está a rede Natura 2000, a maior rede de espazos protexidos do mundo, ou o Regulamento REACH de autorización de sustancias químicas. Con todo esta “burbulla ambiental” leva uns anos deixando de selo e a tendencia acentuarase coa nova Comisión de Juncker, submisa ao interese da industria. A nova estrutura proposta polo luxemburgués, non parece froito da improvisación, senón dun plan para estrangular as políticas ambientais e climáticas. Ao fusionar Medio Ambiente con Asuntos Pesqueiros e Marítimos, comisariado sometido á dependencia da Vicepresidencia do maltés Vella, antigo director dunha casa de apostas de mala reputación, o Presidente fai unha clara declaración de intencións.
E non van polo bo camiño, non. Todo o contrario. Agravada, aínda máis, ao fusionar Acción Climática con Enerxía que pretende outorgarlle, meu deus, a Arias Cañete. A súa participación directa no negocio petrolífero, a catadura moral expresada en sonadas frases desconsiderando ás mulleres e o seu insaciable apetito, incluíndo os iogures caducados, fan temer que agás de arranxar o problema climático, optará por papalo. Está polo fracking e as prospeccións. O clima de Europa pinta negro petróleo.

O CLIMA DE EUROPA

Te puede interesar