Coa materia prima da memoria

Conmemoramos o centenario de nacemento de quen foi “a persoa máis querida de Galiza”, lembrando o poema “Compañeiro ancestral Isaac Díaz Pardo”: Escríboche como ti nos escribías, coa materia prima do mañá moi dentro… Escríboche como ti nos escribías, dispostos sempre a comezar”. Velaquí a síntese dunha longa vida de compromiso, militancia e por riba diso coherencia cunha vocación de iniciativa continuada arredor do río da memoria colectiva dun pobo, o galego, e da súa necesidade de construír futuro. Biografía intensa, sen momento de lecer ou desatención ao traballo teimoso que, con imaxinación intuitiva, soubo facer patria nas diferentes formas de creación artística relacionadas co mundo industrial das cerámicas artísticas e de uso.

Nas rúas e ámbitos de convivencia social e cultural da Compostela dos anos republicanos, forxouse o artista, fillo dun magnífico deseñador gráfico, escenógrafo e pintor galeguista activo animador das Irmandades da Fala, Camilo Díaz Baliño, matado vilmente polos sublevados en contra do réxime popular, os que guindaron o seu cadáver nas afastadas terras da Ulloa e forzaron ao mozo Isaac a comezar un longo calvario de fuxida e supervivencia que iniciou na casa coruñesa dunha persoa familiar para logo seguir un periplo de formación no ámbito das belas artes en institucións madrileñas, creación de obra plástica que paseou por varios espazos do territorio estatal e mesmo acometer unha experiencia educativa, de formador, nas aulas do mundo artístico catalá que nunca deron satisfacción dabondo ao creador galego para seguir nesta vía.

Todo o contrario, decepción que sumada ao gris panorama artístico, social el político da longa noite de pedra, levou a Díaz Pardo alén do mar, á xeografía do Mar da Prata da América do Sur, para comezar cos seus referentes do galeguismo, especialmente Luís Seoane e tamén o vilagarciá de adopción Nuñez Búa, o lanzamento progresivo de varios proxectos de éxito, o Laboratorio de Formas, inicialmente relacionado coa actividade empresarial de Celtia S.A. e Porcelanas de Magdalena, nesta localidade arxentina, precedente e tubo de ensaio do que sería Cerámicas do Castro e da mítica fábrica de Sargadelos, por eles recuperada. Institucións mercantís que se completaron con outras culturais:  Museo Carlos Maside, Instituto Galego de Información, o restaurado Seminario de Estudos Galegos ou Edicións do Castro, entre outros.

Aquí, como valor de memoria democrática está a súa persoal marca na colección “Documentos para a Historia Contemporánea de Galicia” en base ás testemuñas e ás lembranzas escritas dos que padeceron os días de terror e as penalidades da ditadura, caso do libro de Mariví Villaverde “Tres tempos e a esperanza”, compoñendo unha insuperábel biblioteca de memoria republicana. El mesmo, tamén autor de varias obras individuais ou compartida, é parte fundamental do panteón vivo de galegos ilustres aínda que o seu corpo repouse nun cemiterio local. Chave de futuro.  

Coa materia prima da memoria

Te puede interesar