Cómaros verdes

ómaros verdes, o primeiro libro relevante en lingua galega editado na posguerra “rematouse de imprentar o día 24 de xullo de 1947, na véspera do día de Galicia e de Santiago”, nos talleres tipográficos de Edicións Celta de Vilagarcía. Van alá setenta longos anos, e por veces moi escuros, da publicación coa que Aquilino Iglesia Alvariño propiciou a recuperación do libro galego, afastado da tolerancia censora nos anos da cruel guerra ou da represión obsesiva posterior. De feito, o autor tivo que sortear unha serie de eivas e trámites coa maquinaria fiscalizadora do novo réxime que decidiu incautar a totalidade da publicación perante varios meses ata que, ao autor, lle foi posíbel dedicar un exemplar “a Borobó, que pagou cinco pesos coma un rei”. 
As máquinas utilizadas para imprimir os textos de Cómaros en boa parte foron as mesmas que deron vida ao xornal Galicia Nueva, un medio de prensa comprometida coa causa do país e das súas xentes máis desfavorecidas. Deste histórico prelo saíu, en 1917, “Da terra asoballada”, o primeiro libro publicado en Galicia por Ramón Cabanillas, logo do seu retorno da emigración forzada a Cuba. O “poeta da raza” sumou á nómina extensa dos moitos intelectuais que deron prestixio a esta mítica publicación incapaz de sobrevivir aos tempos da longa noite de pedra. A súa continuidade fíxose polo desembarco do capital da Celta luguesa que traería ás terras da Ría de Arousa a Severino González para capitanear unha nova etapa desta librería e imprenta. Un faladoiro de compañeirismo forxou a sólida relación de autor e libreiro impresor, animados polo grupo dos reunidos a cotío nun local da transitada Alameda; e de alí xurdiu este milagre editorial.
Á efeméride das dúas publicacións antes citadas, en aniversarios multiplicados por decenios,  engádase á lembranza da celebración do Primeiro Congreso da Poesía Galega, en 1997, iniciativa cultural que trouxo á vella Casa de Cultura vilagarciá, hoxe Salón García, á totalidade das persoas que forman parte do universo literario galego relacionado coa materia. Acontecemento que serviu, tamén, para facer xustiza á memoria de Cómaros e da Celta colocando unha placa, escultura de Manolo Chazo, no local que ocupara na rúa Ramón y Cajal. Ocasión non desaproveitada para reeditar, en edición facsimilar, esta obra de Aquilino coa mesma capa que ilustrara Carlos Maside. 
Nos próximos días, baixo o lema de “Certame de Poesía Galega”, nunha xornada cultural liderada por Manolo Campos e Patricia Arias, poñerase novo foco sobre “Cómaros verdes”, Aquilino Iglesia Alvariño e do movemento educativo e cultural que fixo de Vilagarcía un referente de posguerra.

Cómaros verdes

Te puede interesar