Conmemoración do centenario da Asemblea Nacionalista

Van alá cen anos. Si, moito tempo xa para un Manifesto que mantén a súa vixencia nas palabras que redactaron como conclusión á Primeira Asemblea Nacionalista, promovida polas Irmandades da Fala, reunida no teatro Lugo-Salón naquela histórica sesión que ocupou, os días 17 e 18 de Novembro de 1918, aos devanceiros do nacionalismo galego. Conmemoramos pois o centenario daquel feito fundamental na vida política e social galega que, agora, ergue nova voz cun proxecto herdeiro, Vía Galega, arredor do que se celebrará unha xornada reivindicativa na mesma cidade que, daquela, xuntara a 63 persoas representativas das Irmandades locais, de 67 sociedades agrarias, cinco centros culturais; coa adhesión doutras cinco federacións agrarias, once concellos e máis de 49 entidades cívicas ou numerosas personalidades, intelectuais e profesionais, galegas. 
Na cidade da muralla milenaria redactouse un Manifesto Nacionalista que marca un antes e un despois na traxectoria do galeguismo, no seu apartado previo: “Tendo Galicia tódalas características esenciais de nacionalidade, nós nomeámonos, de hoxe para sempre, nacionalistas galegos, xa que a verba rexionalismo non recolle todas as aspiracións nin encerra toda a intensidade dos nosos problemas”. Proclama nuclear dunha proposta de “autonomía integral da Nación Galega” fixado nun programa que contén “solucións aos problemas que interesan dun xeito fondo á vida nacional da Galicia” que eles, os alí reunidos, “aprobaron e sosteñen co corazón ateigado de esperanza e os ollos postos no porvir da Nai Terra”, nunhas conclusións que fixeron públicas “para coñecemento e meditación do pobo galego nesta hora solemne do agromar das nacionalidades que senten rebulir a súa alma e fan xurdir a súa personalidade” diferenciada. 
Velaí a importancia daquela asemblea polo que atinxe ao noso país como suxeito político e a reclamación da súa soberanía que, nos cen anos que seguiron ao encontro, foi dando algún paso a prol do manifestado naquela declaración; tal é o caso da “creación do Poder Autónomo, representado por un Xuntoiro ou Parlamento Galego, elixido por sufraxio universal, con tódalas facultades que a reforma da Constitución non garde para o poder central”; aínda que neste caso falta a do “réxime tributario” que debería xestionar e recibir a totalidade impositiva agás a que se traspasase polos “concertos autonómicos”. Fica tamén pendente o “acabamento das Deputacións provinciais” e moitas outras iniciativas e propostas dunha proclama pioneira e aínda non superada co paso dos anos porque “son chegados os tempos de erguer a alma e o pensamento de Galicia, e sobre todo a súa soberanía, completa e sen reducións. Nisto non caben discusións: Galicia ten dereito, un dereito fundamental a ser dona absoluta de si mesma”. Insuperábel manifestación que, Vía Galega, pretende renovar aprobando unha “Carta de Dereitos do Pobo Galego”.

Conmemoración do centenario da Asemblea Nacionalista

Te puede interesar