Contubernio dun espolio descarado

Na traxectoria histórica das atrocidades persoais causadas polas guerras de agresión sempre existiu unha motivación de interese mercantil ou patrimonial; e dicir, que quen iniciou o proceso militar buscaba ocupar territorio e botar del aos lexítimos propietarios. Para darlle corpo formal no intento de normalizar esta acción inxustificábel, vista dende o dereito natural, creouse a figura do “privilexio de conquista ou trofeo de guerra”. Deste xeito, o considerado vencedor podía acceder, para si ou para repartir coa súa tropa, usurpar e privar de bens e propiedade aos ocupados.
Grandes fortunas, prezados tesouros, bens valiosísimos e mesmo títulos nobiliarios derivaron deste inmoral principio que ten raíz nos albores das civilizacións coñecidas e chega ao nosos días. Certo é que, co paso do tempo, foi adoptando outros métodos máis cínicos para tentar dotarse dunha fraudulenta lexitimidade. É o caso da traxectoria seguida arredor do proceso para facerse coa propiedade do Pazo de Meirás e terreos anexos, nos anos da represión máis atroz que seguiron á sublevación de parte do exército en contra da República española, para darllo á familia Franco que impuxo fose para súa propiedade privada. 
Proceso inmoral cheo de mentiras no relato que se quixo vender fundado nunha falsa doazón nacida da subscrición popular que non foi así, se non que supuxo saqueo á facenda pública das institución locais máis próximas; e de parte do salario aos funcionarios que se detraeu para tal fin; especialmente polas esixencias da pillaxe orquestrada por Carme Polo que provocou un forte encarecemento da obra, obrigando á confiscación de elementos arquitectónicos furtados doutras propiedades, casaríos ou pazos para ser reconstruídos no que sería residencia de verán; chegando ao atrevemento de coaccionar lle fosen achegadas dúas estatuas do Pórtico de Gloria.
Porén, detrás do interese e da apropiación da familia do ditador, coincidiu  a cobiza de sectores económicos e sociais do ámbito local que conduciron todo este proceso; deixando tamén a súa marca de indecencia persoal. Ademais de Pedro Barrié, o máis sobranceiro dos persoeiros que mediaron no asunto, o número dos colaboradores neste contubernio para facilitar o espolio de Meirás é representativo do proceder das elites galegas que viron na operación negocio para si coa presenza estival dun poder político que permitía aproveitar algún tráfico de influenza. Por iso non repararon en promover unha doazón fraudulenta que ofende cruelmente ás vítimas da represión. Tampouco e manter con recursos públicos o coidado, posteriores melloras na edificación, os servizos de asistencia e dotacións de persoal ata tempos ben próximos. 
Proba documentada con rigor por Carlos Babío e Manuel Pérez no libro “Meirás. Un pazo, un caudillo, un espolio” que pide a devolución ao patrimonio público deste Ben de Interese Cultural. 

Contubernio dun espolio descarado

Te puede interesar